28/11/15

Un exemplo de atención as discapacidades educativas


 A lingua de signos española está recoñecida como unha lingua natural co dereito a empregala de todos aqueles rapaces e rapazas con discapacidade auditiva evitando así a exclusión e o abandono escolar. O proxecto ABC potencia a lingua de signos non só como un medio para o alumnado xordo senón tamén para romper fronteiras culturais e sociais co resto dos alumnos ampliando o espazo desta lingua a nivel mundial e fomentando un sistema bilingüe.

                                          




                       

                                      http://iesinfante.es/index.php/departamentos/proyecto-abc


                                 [imagen+premio+yadira.jpg]


                               O CEIP Escultor Acuña de Vigo (que comentáramos en clase tamén promove a lingua de signos de maneira orixinal, innovadora e divertida.




Con esta canción participaron no I Festival da Canción en LS




Integración da lingua de signos nas aulas

Nesta entrada trataremos de indicar algunhas pautas que o profesorado en xeral, e en particular o que imparta docencia na educación secundaria, pode aplicar para integrar a lingua de signos (española, neste caso) nas súas aulas. Estas ideas que propoñemos aquí poden ser útiles tanto se hai alumnado con deficiencias auditivas na aula como se non é así, pois a lingua de signos pode ser unha materia optativa moi interesante e enriquecedora para as rapazas e os rapaces de secundaria (en xeral, para alumnado de todas as etapas educativas). Quizais para este último suposto é cara a onde se centrará máis esta entrada.

Veremos algúns recursos de que se pode facer uso para impartir a lingua de signos, mais tamén trataremos o esencial en canto á presenza de figuras como a do/a intérprete de lingua de signos española ou o/a asesor/a lingüístico, que han estar presentes nunha aula en que haxa algún/algunha estudante xordo/a ou cunha deficiencia auditiva importante.

Cómpre remarcar, xa desde un inicio, que estes alumnos e estas alumnas que sofren xordeira de darse o caso de termos un/unha alumno/a xordo/a na aula son tamén adolescentes, polo tanto hai que tratar de aplicar unhas pautas específicas para fornecerlles unha docencia axeitada.

Cada alumno e cada alumna ten unhas necesidades específicas que é necesario atender, porén isto non acontece só con alumnado xordo, senón que é unha característica que afecta a cada discente.



As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), grande axuda para a integración da lingua de signos

Como xa vimos na exposición que fixemos na aula sobre a lingua de signos, este código lingüístico caracterízase por ser visual e espacial, non oral. Por este motivo, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (en diante TIC), ademais de seren de axuda no tratamento de practicamente calquera contido que se queira impartir, son unha ferramenta realmente útil para asistir a docencia da lingua de signos.

Entre os beneficios do emprego das TIC, logo, está o apoio que prestan no caso de que haxa alumnado con certas dificultades específicas (entre elas, loxicamente, a xordeira ou hipoacusia), ademais de potenciaren o desenvolvemento cognitivo das alumnas e dos alumnos.

Non obstante, cómpre precisar que as TIC deben empregarse axeitadamente e, polo tanto, estaren adaptadas aos posibles casos de diversidade funcional con que contemos nunha aula; de non ser así, presupomos que non se acadarán os resultados desexados para todo o alumnado, nin haberá unha integración real de todas e todos na aula.

O feito de estarmos por ante unha lingua que non é oral, senón visual, fai que a utilización de recursos vinculados ás TIC sexa moi interesante, ao mesmo tempo que axiliza a docencia e achanda o camiño da aprendizaxe. Na actualidade, e cada vez máis, podemos atopar na internet moreas de páxinas, presentacións, vídeos etc. en que se explican ou expoñen contidos relacionados con esta lingua. Estes recursos, en boa parte, están centrados en proporcionar vocabulario, mais tamén podemos atopar presentacións sobre outros aspectos importantes a ter en conta, como a gramática da lingua de signos.

  
Os nomes das estacións do ano en LSE



As relacións de parentesco






Porén, e como acontece con todo o que temos ao noso dispor na rede, cómpre ter coidado cos materiais que empreguemos. Non estaría de máis corroborar, a poder ser cun/cunha especialista en lingua de signos española, se o que aparece nos vídeos, presentacións etc. que temos intención de utilizar é correcto e está axustado á estrutura real da lingua de signos española.

Hai páxinas en que podemos achar recursos verdadeiramente interesantes para a aprendizaxe da lingua de signos. Entre outros exemplos podemos citar algunhas como:



Trátase dunha páxina que recolle materiais didácticos adaptados para persoas con dificultades auditivas ou xordeira.




https://www.spreadthesign.com/es/ Dicionario de lingua de signos; de entre os que hai dispoñibles, é dos máis completos.




http://falasignada.divertic.org/index.php Este é un proxecto no que se recolle algún vocabulario, un recurso que achamos moi interesante porque, para a palabra que busquemos, aparécenos un vídeo, un pictograma que representa o concepto, unha imaxe e un son.

 





Por suposto, pódese enfocar a aprendizaxe da lingua de signos dun xeito máis atractivo, e que acabe resultando mesmo divertido para os nenos e as nenas con que traballemos. Tirando das TIC tamén atopamos, por poñer algunha mostra, vídeos de cancións signadas, pequenos teatriños, xogos... É dicir, temos ao noso alcance múltiples vías polas que tirar. De querer impartir a lingua de signos como unha materia optativa (para alumnado oínte), guiala a través destes recursos de carácter máis ameno talvez sexa o que faga que as alumnas e os alumnos se enfronten a esta lingua con máis ganas.


  
Canción “Hecho con tus sueños”




Conto de Riciños de ouro en LSE





Todo isto vale para facer un achegamento á lingua de signos nun centro educativo convencional, e inda que estamos a falar de posibles recursos para achegárllelos ao alumnado, tamén se poden estender ao resto do profesorado do centro, se mostran interese cara á aprendizaxe (inda que sexa de xeito básico) desta lingua.


Figuras clave para a integración do alumnado xordo: ILSE e asesores lingüísticos

Na actualidade, para lograr unha integración efectiva do alumnado xordo en centros educativos convencionais, a figura do/da Intérprete en Lingua de Signos Española (ILSE) é a máis estendida. É un/unha profesional que, até o de agora, tiña a titulación de Técnico Superior en Interpretación de Lingua de Signos, tras estudar un ciclo de grao superior, mais no futuro, e segundo se está a planificar, vai reconverterse esta titulación nun grao universitario, ou cando menos nun itinerario (tal e como xa falamos na aula, o día en que tratamos a lingua de signos).

O/a intérprete ten a función de servir de ponte de comunicación entre o profesorado, o alumnado xordo e o resto de compañeiras e compañeiros. O seu labor consiste, en esencia, en interpretar á lingua de signos o que di o profesorado, ou os/as compañeiros/as oíntes, e, tamén, traducir á lingua oral o que di o alumnado xordo.

Cómpre remarcar que o/a intérprete non exerce un papel de docente, senón que apenas se limita á función de elo comunicativo. Ademais, o seu traballo réxese por unha serie de pautas, que se poden resumir na fidelidade na interpretación da mensaxe, na confidencialidade e na neutralidade.

Por outra banda, tamén podemos atopar nos centros o asesor xordo ou especialista en lingua de signos. Neste caso, trátase dunha persoa xorda, formada e titulada debidamente, que acode aos centros para facilitar o desenvolvemento lingüístico en lingua de signos do alumnado con deficiencia auditiva; ensina a lingua de signos ao alumnado xordo, pero tamén ao oínte, se se dá o caso (e especialmente nas etapas de educación infantil e primaria), e a profesores/as e ás familias. O seu labor principal é constituír un modelo de referencia para o alumnado xordo.


Como se integra o alumnado xordo nas aulas?

Na actualidade, estase a apostar, efectivamente, por integrar ao alumnado xordo nos centros educativos que podemos cualificar como convencionais ou ordinarios, e non matriculalos en colexios/centros específicos de persoas xordas.

Inda así, si que adoita haber, en cada comunidade autónoma, unha serie de colexios de integración preferente para persoas xordas. Porén, o/a alumno/a xordo/a ten dereito a seleccionar o centro que desexe, e a que se lle acheguen os recursos necesarios para a súa formación. Se ben nos centros de integración preferente ha haber unha mellor dotación de materiais e unha formación máis especializada dentro do profesorado, un inconveniente habitual é a distancia con respecto ao lugar en que vive o/a alumno/a xordo/a, polo que moitas veces as nais e os pais optan pola matrícula nun centro ordinario.

O primeiro que cómpre ter en conta para a escolarización dunha persoa xorda son, logo, os recursos que vai necesitar, partindo das necesidades que ten. Dependendo do grao de xordeira, pode que necesite un/unha intérprete ou non, e pode que sexa necesario profesorado competente en lingua de signos española ou non sexa unha condición imprescindible. Alén destes recursos humanos, e tamén segundo o grao de hipoacusia que padeza o/a estudante, han ser precisas máis ou menos axudas técnicas: equipos de frecuencia modulada, audífonos etc.

Amais de todos os recursos de que falamos (e algúns máis que non citamos), talvez sexa necesario elaborar adaptacións curriculares para este alumnado xordo; esas adaptacións han ser máis ou menos significativas, segundo as características do/da alumno/a. 


Algúns consellos para unha integración efectiva

Inda que, como xa se indicou máis arriba, o alumnado xordo pode ser moi heteroxéneo, o que si é máis ou menos común é a principal maneira en que reciben a información: as canles visuais. Por iso, hai que contar cunha serie de pautas para construír unha axeitada comunicación co neno xordo ou coa nena xorda; velaquí algunhas das máis salientables a ter en conta.

Así, o primeiro que hai que facer para comunicarse con el ou con ela é estabelecer contacto visual: miralo ou mirala, e que mire ao docente. Cando nos intentemos comunicar con el/ela, ha agradecer que o fagamos da maneira máis expresiva posible, pois iso facilita a súa comprensión; tamén hai que vocalizar e falar de forma clara, sen incorreccións, e cun ritmo adecuado, onde ademais se respecten as quendas de intervención.

O/a alumno/a xordo/a ha de estar nunha zona en que teña boa visibilidade do que acontece na aula (con boa iluminación e na que non haxa ruídos), e preto do/da profesor/a.

Sen dúbida, o emprego de material adaptado tamén favorecerá a súa integración na aula: vídeos subtitulados, presentacións visuais etc. A adaptación, como dixemos anteriormente, tamén ha de facerse nos seus materiais curriculares, de ser necesario (para iso, é preciso contar coa axuda doutros/as profesionais).


En definitiva, trátase de asumir unha serie de pautas, non demasiado complexas, que facilitan acadar un nivel axeitado de comunicación co alumno xordo ou coa alumna xorda.

Laura Domínguez Domínguez
Sabela Morais Martínez
Xabier Pais Villar
Irene Romo Poderós















19/11/15

A intercomprensión entre as linguas románicas


"Unha Europa de políglotas non é unha Europa de persoas que falan con facilidade moitas linguas, senón [...] de persoas que poden encontrarse falando cada unha a súa propia lingua e entendendo a do outro" (Eco, 1994: 292 )




Na actualidade vivimos nunha sociedade na cal a lingua inglesa é entendida como unha lingua universal, porén en Europa, e no mundo en xeral, gozamos dunha riqueza lingüística que queda á marxe da educación.
Na nosa proposta para o traballo de curso da materia “Bases para a ensinanza e a aprendizaxe de linguas” investigamos sobre a intercomprensión lingüística. Con todo, e dadas as limitacións dun traballo destas características, centraremos a nosa atención unicamente nas linguas románicas. É evidente que a maioría das linguas de Europa proveñen do latín, isto facilita en gran medida a comunicación entre os diferentes falantes. Consideramos que nas diferentes materias de linguas nas escolas se deberían potenciar as semellanzas entre os idiomas dunha mesma familia, de tal forma que o alumnado sexa consciente de que adquirir unha competencia parcial en varias linguas próximas é posible coñecendo trazos distintivos de cada unha. Para isto, podemos empregar o método EuroComRom na súa aplicación ás linguas románicas tal e como propuxemos na nosa exposición.
Por desgraza, na sociedade existe unha idea errónea e moi asentada nas mentalidades relacionada co feito de que as linguas son entes independentes e que cada unha delas ten unhas particularidades propias. É certo que as linguas teñen trazos propios e particulares; mais existe un fío condutor que as relaciona (cf. o continuum lingüístico). Por exemplo, se tomamos como referencia o léxico, observamos como xorden formas particulares en cada lingua –léxico específico‒ mais tamén existe o chamado “léxico panrománico” entendido como aquel referido a aquelas palabras derivadas do latín que actualmente se empregan en todas as linguas románicas.
Cremos que integrar nas aulas –especialmente dende os cursos inferiores da Secundaria‒ as diferenzas, mais facendo especial fincapé nas semellanzas entre as distintas linguas que compoñen Europa animaría ao alumnado a aprender linguas. Nós, como futuros docentes, debemos potenciar a aprendizaxe de linguas e mostrarlle aos alumnos e alumnas a facilidade que supón o feito de que a maioría dos idiomas presentes en Europa proveñan dunha mesma fonte (o Indoeuropeo) e, no caso das linguas románicas, do latín. Neste sentido, coidamos que é moi interesante e enriquecedora a proposta de P. Iglesias de integración das linguas cooficiais de España no sistema educativo (vid. http://www.20minutos.es/noticia/2612716/0/podemos-intercambios-escolares/ninos-hablen-lenguas/cooficiales/?utm_source=Facebook-20minutos&utm_medium=Social&utm_campaign=Postlink).




Yolanda López Regojo
Alba Muñoz López
Ana Otero Gómez
Tania Vázquez García