"Unha
Europa de políglotas non é unha Europa de persoas que falan con facilidade moitas linguas, senón [...] de persoas que poden encontrarse falando cada unha a súa propia lingua e entendendo a do outro" (Eco,
1994: 292 )
Na
actualidade vivimos nunha sociedade na cal a lingua inglesa é entendida como
unha lingua universal, porén en Europa, e no mundo en xeral, gozamos dunha
riqueza lingüística que queda á marxe da educación.
Na
nosa proposta para o traballo de curso da materia “Bases para a ensinanza e a aprendizaxe
de linguas” investigamos sobre a intercomprensión lingüística. Con todo, e
dadas as limitacións dun traballo destas características, centraremos a nosa
atención unicamente nas linguas románicas. É evidente que a maioría das linguas
de Europa proveñen do latín, isto facilita en gran medida a comunicación entre
os diferentes falantes. Consideramos que nas diferentes materias de linguas nas
escolas se deberían potenciar as semellanzas entre os idiomas dunha mesma
familia, de tal forma que o alumnado sexa consciente de que adquirir unha
competencia parcial en varias linguas próximas é posible coñecendo trazos
distintivos de cada unha. Para isto, podemos empregar o método EuroComRom na
súa aplicación ás linguas románicas tal e como propuxemos na nosa exposición.
Por
desgraza, na sociedade existe unha idea errónea e moi asentada nas mentalidades
relacionada co feito de que as linguas son entes independentes e que cada unha
delas ten unhas particularidades propias. É certo que as linguas teñen trazos
propios e particulares; mais existe un fío condutor que as relaciona (cf. o continuum lingüístico). Por exemplo, se
tomamos como referencia o léxico, observamos como xorden formas particulares en
cada lingua –léxico específico‒ mais tamén existe o chamado “léxico
panrománico” entendido como aquel referido a aquelas palabras derivadas do
latín que actualmente se empregan en todas as linguas románicas.
Cremos
que integrar nas aulas –especialmente dende os cursos inferiores da Secundaria‒
as diferenzas, mais facendo especial fincapé nas semellanzas entre as distintas
linguas que compoñen Europa animaría ao alumnado a aprender linguas. Nós, como
futuros docentes, debemos potenciar a aprendizaxe de linguas e mostrarlle aos
alumnos e alumnas a facilidade que supón o feito de que a maioría dos idiomas
presentes en Europa proveñan dunha mesma fonte (o Indoeuropeo) e, no caso das
linguas románicas, do latín. Neste sentido, coidamos que é moi interesante e
enriquecedora a proposta de P. Iglesias de integración das linguas cooficiais
de España no sistema educativo (vid. http://www.20minutos.es/noticia/2612716/0/podemos-intercambios-escolares/ninos-hablen-lenguas/cooficiales/?utm_source=Facebook-20minutos&utm_medium=Social&utm_campaign=Postlink).
Consúltense os documentos nesta ligazón: https://www.dropbox.com/sh/s7vxa6h9b0iktps/AACNX4ym7654nZveYp3Wu-cja?dl=0
Yolanda López Regojo
Alba Muñoz López
Ana Otero Gómez
Tania Vázquez García
Ningún comentario:
Publicar un comentario