A lingua de signos española está recoñecida como unha lingua natural co dereito a empregala de todos aqueles rapaces e rapazas con discapacidade auditiva evitando así a exclusión e o abandono escolar. O proxecto ABC potencia a lingua de signos non só como un medio para o alumnado xordo senón tamén para romper fronteiras culturais e sociais co resto dos alumnos ampliando o espazo desta lingua a nivel mundial e fomentando un sistema bilingüe.
O CEIP Escultor Acuña de Vigo (que comentáramos en clase tamén promove a lingua de signos de maneira orixinal, innovadora e divertida.
Con esta canción participaron no I Festival da Canción en LS
Integración da lingua de signos nas aulas
Nesta entrada
trataremos de indicar algunhas pautas que o profesorado en xeral, e en
particular o que imparta docencia na educación secundaria, pode aplicar para
integrar a lingua de signos (española, neste caso) nas súas aulas. Estas ideas
que propoñemos aquí poden ser útiles tanto se hai alumnado con deficiencias
auditivas na aula como se non é así, pois a lingua de signos pode ser unha
materia optativa moi interesante e enriquecedora para as rapazas e os rapaces
de secundaria (en xeral, para alumnado de todas as etapas educativas). Quizais
para este último suposto é cara a onde se centrará máis esta entrada.
Veremos algúns
recursos de que se pode facer uso para impartir a lingua de signos, mais tamén
trataremos o esencial en canto á presenza de figuras como a do/a intérprete de
lingua de signos española ou o/a asesor/a lingüístico, que han estar presentes
nunha aula en que haxa algún/algunha estudante xordo/a ou cunha deficiencia
auditiva importante.
Cómpre remarcar, xa
desde un inicio, que estes alumnos e estas alumnas que sofren xordeira ―de darse o caso de termos un/unha
alumno/a xordo/a na aula― son tamén adolescentes, polo tanto hai que tratar de aplicar unhas
pautas específicas para fornecerlles unha docencia axeitada.
Cada alumno e cada
alumna ten unhas necesidades específicas que é necesario atender, porén isto
non acontece só con alumnado xordo, senón que é unha característica que afecta
a cada discente.
As
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), grande axuda para a
integración da lingua de signos
Como xa vimos na
exposición que fixemos na aula sobre a lingua de signos, este código
lingüístico caracterízase por ser visual e espacial, non oral. Por este motivo,
as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (en diante TIC), ademais de
seren de axuda no tratamento de practicamente calquera contido que se queira
impartir, son unha ferramenta realmente útil para asistir a docencia da lingua
de signos.
Entre os beneficios
do emprego das TIC, logo, está o apoio que prestan no caso de que haxa alumnado
con certas dificultades específicas (entre elas, loxicamente, a xordeira ou
hipoacusia), ademais de potenciaren o desenvolvemento cognitivo das alumnas e
dos alumnos.
Non obstante,
cómpre precisar que as TIC deben empregarse axeitadamente e, polo tanto,
estaren adaptadas aos posibles casos de diversidade funcional con que contemos
nunha aula; de non ser así, presupomos que non se acadarán os resultados
desexados para todo o alumnado, nin haberá unha integración real de todas e
todos na aula.
O feito de estarmos
por ante unha lingua que non é oral, senón visual, fai que a utilización de
recursos vinculados ás TIC sexa moi interesante, ao mesmo tempo que axiliza a
docencia e achanda o camiño da aprendizaxe. Na actualidade, e cada vez máis,
podemos atopar na internet moreas de páxinas, presentacións, vídeos etc. en que
se explican ou expoñen contidos relacionados con esta lingua. Estes recursos,
en boa parte, están centrados en proporcionar vocabulario, mais tamén podemos
atopar presentacións sobre outros aspectos importantes a ter en conta, como a
gramática da lingua de signos.
Os
nomes das estacións do ano en LSE
As
relacións de parentesco
Porén, e como
acontece con todo o que temos ao noso dispor na rede, cómpre ter coidado cos
materiais que empreguemos. Non estaría de máis corroborar, a poder ser
cun/cunha especialista en lingua de signos española, se o que aparece nos
vídeos, presentacións etc. que temos intención de utilizar é correcto e está
axustado á estrutura real da lingua de signos española.
Hai páxinas en que
podemos achar recursos verdadeiramente interesantes para a aprendizaxe da
lingua de signos. Entre outros exemplos podemos citar algunhas como:
Trátase dunha
páxina que recolle materiais didácticos adaptados para persoas con dificultades
auditivas ou xordeira.
https://www.spreadthesign.com/es/
Dicionario de lingua de signos; de entre os que hai dispoñibles, é dos máis
completos.
http://falasignada.divertic.org/index.php
Este é un proxecto no que se recolle algún vocabulario, un recurso que achamos
moi interesante porque, para a palabra que busquemos, aparécenos un vídeo, un
pictograma que representa o concepto, unha imaxe e un son.
Por suposto, pódese
enfocar a aprendizaxe da lingua de signos dun xeito máis atractivo, e que acabe
resultando mesmo divertido para os nenos e as nenas con que traballemos.
Tirando das TIC tamén atopamos, por poñer algunha mostra, vídeos de cancións
signadas, pequenos teatriños, xogos... É dicir, temos ao noso alcance múltiples
vías polas que tirar. De querer impartir a lingua de signos como unha materia
optativa (para alumnado oínte), guiala a través destes recursos de carácter
máis ameno talvez sexa o que faga que as alumnas e os alumnos se enfronten a
esta lingua con máis ganas.
Canción
“Hecho con tus sueños”
Conto
de Riciños de ouro en LSE
Todo isto vale para
facer un achegamento á lingua de signos nun centro educativo convencional, e
inda que estamos a falar de posibles recursos para achegárllelos ao alumnado,
tamén se poden estender ao resto do profesorado do centro, se mostran interese
cara á aprendizaxe (inda que sexa de xeito básico) desta lingua.
Figuras
clave para a integración do alumnado xordo: ILSE e asesores lingüísticos
Na actualidade,
para lograr unha integración efectiva do alumnado xordo en centros educativos
convencionais, a figura do/da Intérprete en Lingua de Signos Española (ILSE) é
a máis estendida. É un/unha profesional que, até o de agora, tiña a titulación
de Técnico Superior en Interpretación de Lingua de Signos, tras estudar un
ciclo de grao superior, mais no futuro, e segundo se está a planificar, vai
reconverterse esta titulación nun grao universitario, ou cando menos nun
itinerario (tal e como xa falamos na aula, o día en que tratamos a lingua de
signos).
O/a intérprete ten
a función de servir de ponte de comunicación entre o profesorado, o alumnado
xordo e o resto de compañeiras e compañeiros. O seu labor consiste, en esencia,
en interpretar á lingua de signos o que di o profesorado, ou os/as
compañeiros/as oíntes, e, tamén, traducir á lingua oral o que di o alumnado
xordo.
Cómpre remarcar que
o/a intérprete non exerce un papel de docente, senón que apenas se limita á
función de elo comunicativo. Ademais, o seu traballo réxese por unha serie de
pautas, que se poden resumir na fidelidade na interpretación da mensaxe, na
confidencialidade e na neutralidade.
Por outra banda,
tamén podemos atopar nos centros o asesor xordo ou especialista en lingua de
signos. Neste caso, trátase dunha persoa xorda, formada e titulada debidamente,
que acode aos centros para facilitar o desenvolvemento lingüístico en lingua de
signos do alumnado con deficiencia auditiva; ensina a lingua de signos ao
alumnado xordo, pero tamén ao oínte, se se dá o caso (e especialmente nas
etapas de educación infantil e primaria), e a profesores/as e ás familias. O
seu labor principal é constituír un modelo de referencia para o alumnado xordo.
Como
se integra o alumnado xordo nas aulas?
Na actualidade,
estase a apostar, efectivamente, por integrar ao alumnado xordo nos centros
educativos que podemos cualificar como convencionais ou ordinarios,
e non matriculalos en colexios/centros específicos de persoas xordas.
Inda así, si que
adoita haber, en cada comunidade autónoma, unha serie de colexios de
integración preferente para persoas xordas. Porén, o/a alumno/a xordo/a ten
dereito a seleccionar o centro que desexe, e a que se lle acheguen os recursos
necesarios para a súa formación. Se ben nos centros de integración preferente
ha haber unha mellor dotación de materiais e unha formación máis especializada
dentro do profesorado, un inconveniente habitual é a distancia con respecto ao
lugar en que vive o/a alumno/a xordo/a, polo que moitas veces as nais e os pais
optan pola matrícula nun centro ordinario.
O primeiro que
cómpre ter en conta para a escolarización dunha persoa xorda son, logo, os
recursos que vai necesitar, partindo das necesidades que ten. Dependendo do
grao de xordeira, pode que necesite un/unha intérprete ou non, e pode que sexa
necesario profesorado competente en lingua de signos española ou non sexa unha
condición imprescindible. Alén destes recursos humanos, e tamén segundo o grao
de hipoacusia que padeza o/a estudante, han ser precisas máis ou menos axudas
técnicas: equipos de frecuencia modulada, audífonos etc.
Amais de todos os
recursos de que falamos (e algúns máis que non citamos), talvez sexa necesario
elaborar adaptacións curriculares para este alumnado xordo; esas adaptacións han
ser máis ou menos significativas, segundo as características do/da alumno/a.
Algúns
consellos para unha integración efectiva
Inda que, como xa
se indicou máis arriba, o alumnado xordo pode ser moi heteroxéneo, o que si é
máis ou menos común é a principal maneira en que reciben a información: as
canles visuais. Por iso, hai que contar cunha serie de pautas para construír
unha axeitada comunicación co neno xordo ou coa nena xorda; velaquí algunhas
das máis salientables a ter en conta.
Así, o primeiro que
hai que facer para comunicarse con el ou con ela é estabelecer contacto visual:
miralo ou mirala, e que mire ao docente. Cando nos intentemos comunicar con
el/ela, ha agradecer que o fagamos da maneira máis expresiva posible, pois iso
facilita a súa comprensión; tamén hai que vocalizar e falar de forma clara, sen
incorreccións, e cun ritmo adecuado, onde ademais se respecten as quendas de
intervención.
O/a alumno/a
xordo/a ha de estar nunha zona en que teña boa visibilidade do que acontece na
aula (con boa iluminación e na que non haxa ruídos), e preto do/da profesor/a.
Sen dúbida, o
emprego de material adaptado tamén favorecerá a súa integración na aula: vídeos
subtitulados, presentacións visuais etc. A adaptación, como dixemos
anteriormente, tamén ha de facerse nos seus materiais curriculares, de ser
necesario (para iso, é preciso contar coa axuda doutros/as profesionais).
En definitiva,
trátase de asumir unha serie de pautas, non demasiado complexas, que facilitan
acadar un nivel axeitado de comunicación co alumno xordo ou coa alumna xorda.
Laura Domínguez Domínguez
Sabela Morais Martínez
Xabier Pais Villar
Irene Romo Poderós
Irene Romo Poderós
Ningún comentario:
Publicar un comentario