De forma espontánea, xurdiron con frecuencia na aula alusións á facilidade coa que os galegos podemos entendernos cos falantes de lingua portuguesa. Creo que todos coincidimos en que dentro do continuum que supoñen as linguas románicas, a relación do galego co portugués é, pola súa orixe común, incomparable á que poida ter con outras linguas tamén próximas. Con todo, o status do galego dentro da lusofonía non acaba de definirse. Fanse aproximacións parciais que nunca acaban de concretarse.
O recoñecemento ambiguo do galego coma parte da lusofonía atopa xustificación principalmente en cuestións políticas. Por exemplo, aínda que a Galiza foi convidada ás últimas reunións para o acordo ortográfico da lingua portuguesa, a súa posición foi unicamente a dunha observadora. Depende do Estado Español aprobar a súa participación plena, mais nunca semella decidirse a facelo.
O que pretendemos nós é facer transparentes as implicacións docentes deste contexto tan pouco definido e frecuentemente cuestionado. Se asumimos que ensinar unha lingua non é un xesto inocente ou neutral, xa que toda lingua está vinculada a unha cultura e unha visión do mundo determinadas, é fundamental que o propio profesor sexa consciente de que a súa tarefa vai estar definida por escollas. Estas repercutirán directamente no rango de amplitude de material dispoñible.
Se queremos promover unha ensinanza crítica das segundas linguas e neste caso do galego, cómpre enfrontarse con honestidade á totalidade do contexto e deixar de silenciar ou imposibilitar certas opcións. Existe unha norma para o galego establecida pola RAG, pero non é nin moito menos a única. Metémonos aquí nun asunto controvertido, no noso propio grupo hai opinións diferentes, pero se estamos todos de acordo en algo é en que non ten sentido facer oídos xordos a un debate real, que está a ter lugar ao noso redor e que é adoito obviado nas aulas e nos medios. Estamos xa acostumados a oír que a separación do catalán e do valenciano é artificial, mais pola contra aínda nos perturba oír a mesma apreciación respecto ao galego e ao portugués.
Se fixermos unha breve pesquisa a través dos contidos de grande parte dos libros de texto de Lingua e Litertura Galega, será difícil que o alumnado de hoxe encontre alusións do grande número de figuras referentes do galeguismo histórico (e non só) que defenderon unha clara aproximación ás linguas e culturas lusófonas como estratexia para dignificar, preservar e mellorar o status quo da realidade galega. Os motivos deste apagamento, unha vez que as referencias son numerosas, parecen claramente conscientes: un modelo de lingua afastado da lingua portuguesa e, en moitos casos, próximo á norma castelá, requerirá este tipo de xustificacións. Vexamos só algúns exemplos.
- Manuel Murguía, que colaborou com revistas portuguesas da altura e presidente de diferentes associações regionalistas e da revista La Patria Gallega, foi um dos fundadores da Real Academia Galega e o seu primeiro Presidente, de 1906 a 1923. A sua grande obra historiográfica foi escrita en 1865, cando se publica a primeira parte de Historia de Galicia. No seu obxectivo de fundamentar a idea da Galiza como nación, Murguia procura en Portugal unha vía de lexitimación, apelando ao seu status soberano como o futuro ao que a nosa comunidade debía aspirar. Alén do meramente político, Murguía apostou por unha integración do idioma galego no tronco común lusófono:
“Enhorabuena que no sea hijo del gallego el portugués, pero nadie dudará que es él, el gallego elevado á la condición de idioma nacional, y si aun esto lastima el vano orgullo de los que un tiempo fueron nuestros hermanos, combatieron á nuestro lado, y tuvieron todos un mismo gefe [sic], digamos que son uno y otro romance, hijos de unos mismos padres y hermanos mayores de los que se hablaban en España durante la irrupción agarena” (1)Anos despois, nos Xogos Florais de Tui de 1891, Murguía recalcaría:
“[o noso idioma] que do outro lado dese río [o Minho] é lengoa oficial que serve a mais de vinte millóns de homes e ten unha literatura representada pol´los nomes groriosos de Camoens e Vieira, de Garret e de Herculano...” (2)
“Vede, polo mesmo, meus señores, si podemos decir con verdade, que nunca, nunca, nunca, pagaremos ós nosos irmáns de Portugal o que nos haxan conservado estes e outros recordos, e sobre todo que fixeran do noso gallego, un idioma nacional. Máis afertunado que o provenzal, encerrado na súa comarca propia, non morrerá. No outro lado do océano onde algúns comprácense, ó torto, ó meu entender, en por a cuna das nacións do porvir, oiráse sempre a lengoa que falamos, que vamos esquencendo e que de novo tenderá a vida que merez, si é que temos conciencia dos deberes que por propia vontade nos impuxemos. Na Asia, na África, na mesma Oceanía falaráse ó lado das que coñece o mundo europeo e dominador. Deus que nos castigóu tanto, déunos esta groria.”(3)
- Do mesmo xeito que no ámbito da orixinal RAG, no da Revista Nós e as Irmandades da Fala este debate non lle foi alleo. Ao longo dos anos da súa existencia, a cuestión ortográfico-lingüística foi unha das cuestións máis tratadas entre os seus membros. As referencias que se encontrará alguén que consultar as revistas son numerosas. A alusións a estas cuestións nos libros de texto son, porén, mínimas. Vexamos un exemplo: Xohán Vicente Viqueira, escribiría en 1918, no semanario A nosa Terra (20-01-1918):
“De feito esisten hoje duas maneiras de escreber o galego: unha que podemos chamar erudita, etimológica ou millor histórica e outra popular. A diferenza está en que n´a primeira se empregan a j e a g na forma que se fai en portugués ou francés, e na segunda sustitui a estas letras no seu antedito sonido a x. (...) Polo momento debemos aceptar a ortografia erudita, etimológica, o que será un gran paso. Mais conseguido esto, precisamos continuar a nosa obra e camiñar para a total unificación das ortografías galega e portuguesa. Asin, introduciremos a uh [sic] pol-a ñ, a lh pol-a ll, e outras modificacións que o leitor poda adivinar fácilmente. Farase isto primeiramente n´as publicacions eraditas [sic], científicas, despois n´os [sic] populares”
A súa aposta neste sentido non sería, de calquera xeito, a única, de calquera dos dous lados do Miño. O profesor portugués Manuel Rodrigues Lapa (4), na súa conferencia “A política do idioma e as Universidades”, aseguraría:
Estas palabras de Rodrigues Lapa serían recollidas e publicadas na revista Nós, en que respondían:“Há ainda outro problema ortográfico a resolver, em que será precisa a nossa interferência. Refiro-me ao da ortografia galega. V. Exª sabem que para cima da risa prateada do Minho vive e sofre um grupo de dois milhões de homens, que falam a nossa língua e sentem a nossa alma; e que fora da Galiza, outros dois milhões ou mais mourejam em terra alheia, não raro ao lado de portugueses”(5)
“Nós, que de cote se ten preocupado pol-a colaboración espiritual de portugueses e galegos, non pode por menos de acoller con entusiasmo as iniciativas do Dr. Rodríguez Lapa, mesmo na ideia qu´apunta d´un acordo luso-galaico pra reforma ortográfica, pra nos tan indispensábele”(6)
- Como último exemplo, o caso de Castelao é comunmente apagado no que se refire a este asunto, pois – no que se refire á súa opinión lingúística neste asunto – o de Rianxo defendeu sempre a idea de galego e portugués seren dúas variantes do mesmo sistema lingüístico. Como dicía en Sempre en Galiza:
“Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas”(7)E ainda mais, nunha carta enviada a Sánchez Albornoz:
“Yo deseo que en Galicia se hable tan bien el gallego como el castellano y el castellano tan bien como el gallego. Deseo además que el gallego se acerque y confunda con el portugués, de modo que tuviésemos así dos idiomas extensos y útiles”(8)
Conclusión
Cómpre facer fincapé en que as vantaxes principais da lusofonía, lonxe de ser puramente económicas ou utilitarias, teñen unha base cultural fundamental, dunha forma analóxica á idea da intercomprensión románica. Non se trata de dignificar unha lingua a base de multiplicar os seus falantes. Se unha lingua é minoritaria, debe ser igualmente protexida e respectada. Pero é absurdo pecharnos en banda a posibilidades que están aí agardando a ser aproveitadas.
Definir o status do galego é unha pretensión que excede o propósito desta entrada. O noso obxectivo era evidenciar que tampouco na docencia de linguas hai posicións neutrais. As escollas somentes son honestas cando son explícitas. Nunha situación tan cuestionada e pouco definida como é a da normativa do galego, é importante non mostrar visións unívocas e potenciar prácticas lingüísticas reflexivas.
Breogán Antón Martínez
Adrià Targa
Sabela Varela Fernández
Eduard del Castillo
Ignacio Prada
Vítor Míguez
(1) Em RISCO, Vicente: Manuel Murguía: conciencia de Galicia. Galaxia. 1976. P. 45.
(2) MURGUIA, Manuel, Historia de Galicia. Lugo. Imprenta de Soto Freire. 1865., p. 284.
(3) Íbidem, p. 83
(4) Para ampliar, conferir RODRÍGUEZ, José Luis: “A Galiza, ‘Raiz anterga da nossa cultura’ ou a ‘portugaleguidade’de Rodrigues Lapa”, em Colóquio Internacional: commemorações do Centenário do Nascimento do Professor DoutorManuel Rodrigues Lapa. 1997. Fundação Eng. António de Almeida. pp. 61-78.
(5) Através de ALONSO ESTRAVIZ, Isaac, “A Galiza, os galegos e a língua segundo Rodrigues Lapa”, en AGALIA, Nº53 (primavera 1998).
(6) Através de RODRÍGUEZ, José Luís, A Galiza, umha lusofonia de fronteira e este, á sua vez, de Nós, nº 115 (Julho de 1933), p. 134.
(7) RODRÍGUEZ CASTELAO, Alfonso Daniel Manuel, Sempre en Galiza, Madrid, 1977. Akal editor, p. 43.
(8) Através de "Bilingüísmo e reintegracionismo nas cartas cruzadas entre Castelao e Sánchez Albornoz", en II Congresso Internacional da língua galego-portuguesa na Galiza: Actas. 1987. Associaçom Galega da Língua, pp. 887-890.
Ningún comentario:
Publicar un comentario