29/12/15

A innovación nas aulas: O traballo por proxectos



A primeira vez que se nos mencionou a posibilidade de traballar sobre este tema houbo reaccións diversas: por unha banda estaba o atractivo de traballar con algo novo sobre o que aprender e, pola outra, a inseguridade e as dúbidas de aventurarse nun terreo descoñecido. Finalmente, deixámonos seducir pola oportunidade de innovar, de rachar co ríxido currículo que marcara a nosa propia experiencia educativa, e comprobar de primeira man as posibilidades que ofrecen outras formas de ensinar e aprender.

Logo dun breve traballo de investigación previo, deseñamos o noso propio proxecto. A medida que avanzabamos puidemos ir constatando as vantaxes e as desvantaxes deste tipo de iniciativas. Entre as primeiras encóntrase o maior grao de implicación do alumnado, gustoso de traballar de xeito cooperativo e descubrindo posibles destrezas a través da realización das distintas tarefas. No caso do noso proxecto, descubrimos persoas con moita imaxinación para a pintura, persoas cunha gran capacidade de síntese na recolección de información sobre o autor da obra proposta e outras que descubriron que baixo presión ás veces tamén se traballa de maneira máis eficaz. En proxectos con outra temática, como podería ser unha reportaxe sobre o medio ambiente ou acerca da campaña electoral, as rapazas e os rapaces poden descubrir novos intereses nestes ámbitos e, grazas a estas iniciativas, apuntarse a actividades vinculadas á fotografía ou informarse de xeito máis regular acerca de cuestións políticas. No noso caso, na elaboración dos materiais que vos esixiamos, o resultado foi este fantástico cartel e este tríptico no que todas e todos aportastes algo de vós para o traballo (aínda que por cuestións de espazo só é posible poñer un debuxo).




Como desvantaxes, queremos destacar o difícil que é organizar a unha clase como a nosa, de 40 persoas, para traballar de xeito conxunto. Se a coordinación tivese lugar entre distintos departamentos —que non sempre ten que ser así, hai quen traballa por proxectos tan só nunha materia— a complexidade sería maior pola cuestión dos horarios. Por último, probablemente se levásemos a cabo este tipo de proxectos nun centro prototípico as nais e pais queixaríansenos por non estar a dar as clases de xeito tradicional.
A nosa opinión foi variando ao longo do tempo, dende que presentamos a nosa proposta de traballo por proxectos ata o día de hoxe. Como se explicou no anterior post, a nosa primeira actitude de cara aos traballos por proxectos foi moi positiva e optimista xa que se nos presentaba como unha alternativa interesante e motivadora. Porén, a medida que iamos deseñando as actividades e iamos tratando de coordinalas, comezamos a ver o grao de dificultade desta forma de traballo nas aulas. Pode que este sexa un dos principais motivos polos que o traballo por proxectos non conta hoxe en día cunha maior implantación. De todos os xeitos, parece que imos superando esta reticencia e, pouco a pouco, xorden novas iniciativas como a plataforma Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.es/portal/planproxecta/programas). Esta iniciativa parte das distintas consellerías da Xunta de Galicia, que para promover aspectos de cada unha delas, presentan materiais e ferramentas para traballar por proxectos en distintas áreas dos seus departamentos. Entre elas destacan a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Economía, dentro dun total de nove áreas temáticas distintas. Estes esforzos levan a un maior número de profesionais a achegarse a esta nova metodoloxía, polos datos da páxina da Consellería de Educación máis de 70000 rapazas e rapaces galegas/os xa traballan baixo estas iniciativas:


Evidentemente, a nosa experiencia foi fugaz e distorsionada, xa que non houbo posibilidade de aplicar o noso proxecto a unha aula real, a aplicación práctica limitouse a unha escasa media hora na que as propias compañeiras asumiron o rol de alumnas. Porén, como explicamos no anterior post, unha de nós tivo a sorte de compartir aulas cun profesor que traballaba por proxectos, un caso real que nos fixo ver que todo e posible con ganas e esforzo.

Desta maneira, gustaríanos concluír afirmando que, baixo o noso punto de vista, nada é imposible na docencia. O único problema é cando non existe a motivación necesaria para levar a cabo estas actividades. Pola nosa parte, temos seguro que cando comecemos a nosa carreira como educadoras, proporemos o traballo por proxectos como unha alternativa ao método educativo tradicional.


Diana Babarro Rodríguez
Nerea Costa García
Olivia Figueira Nuñez
Sara Filgueira Lorenzo
Ainara García Doval
Iria Muñiz Babarro



Ningún comentario:

Publicar un comentario