03/02/17

Ensinanzas Básicas Iniciais II

Esta entrada forma parte dunha anterior na que facíamos unha introducción sobre as Ensinanzas Básicas Iniciais no IES Arzobispo Xelmírez I.
A continuación presentamos en diversos fragmentos as entrevistas que lles foron realizadas tanto ao alumnado como á mestra:

Miguel descubriu grazas ás EBI que lle apaixona o mundo das TIC, xa que a profesora dende hai unhas semanas imparte algunhas materias empregando o ordenador e descubriu unha nova ferramenta de entretemento. Para alén de facer diferentes materias mediante soporte dixital, a mestra introdúceos en nocións básicas do manexo dun ordenador. O certo é que Miguel parece contento coas aulas aínda que recoñece que as matemáticas é o ámbito que máis dificultades lle supón, con todo, recomenda este tipo de ensinanzas, e de feito el mesmo aconsellou a un amigo para que asistise tamén.


Jordi é un catalán que chegou a Galicia hai anos e que posúe estudos de EXB, así como diversos cursos formativos, o que fai del un alumno capacitado para inscribirse na Ensinanza Secundaria para Adultos (ESA). Porén, non desexa ascender para este nivel por diversos motivos, entre os que destaca a suposta dificultade que lle supón a aprendizaxe do inglés. Gústalle asistir ás clases porque lle permiten repasar algúns coñecementos que xa posuía.



Milady é unha inmigrante venezolana amante das artes plásticas, o debuxo e a pintura, así como da lectura. Tivo un accidente laboral hai uns anos, o que lle provocou algunhas limitacións no ámbito profesional. Actualmente conta coa axuda de Cáritas, que foi a asociación a través da cal descubriu estas clases.


Esperanza é unha alumna que goza aprendendo e a que non lle importa o que dirán motivo á súa idade. Con esta vontade, asistiu por primeira vez ás clases informada por unha amiga, que xa asistira previamente e que a asesorou sobre as EBI. Cando era nova non tivo a posibilidade de ir á escola con regularidade, polo que o seu nivel académico era limitado. Con todo, dende que comezou as aulas o ano pasado vai progresando paulatinamente no manexo das destrezas básicas.


Tereixa é unha mestra de música con vocación docente que se uníu ás EBI dende que se instauraron no seu instituto, decisión da que non se arrepinte e que recomenda fervorosamente a todo o mundo que se queira dedicar á docencia.

A metodoloxía que emprega depende moito do alumnado que asista regularmente a estas aulas. Actualmente, como os/as cinco alumnos/as que asisten todos os días non queren pasar a estudos máis avanzados, ela adáptase ás súas necesidades. O material que emprega é obtido principalmente da rede aínda que ela elabora tamén o seu propio, posto que non hai uns materiais pensados e elaborados para facer fronte á diversidade, certamente a dificultade máis destacable.



Unha vez que puidemos falar coa profesora e co alumnado, comprobamos que en xeral as nosas hipóteses eran acertadas, aínda que con algunha excepción puntual. Por exemplo, aínda que si hai casos en que a obtención do título é unha motivación principal, hai outros en que esta motivación non existe xa que, como puidemos comprobar, para a maioría dos/as alumnos/as deste curso, o tipo de ensino que ofrecen as EBI supón unha forma de entretemento e lecer, polo que a súa vontade principal non é obter un título académico.

Por outra parte, puidemos comprobar de xeito máis palpable as dificultades que conleva a diversidade e a necesidade que supón darlle unha resposta real. Neste sentido, é unha cuestión que en ningún tipo de ensino se pode obviar e convértese nun dos factores máis primordiais á hora de dar aulas. A mestra que imparte as aulas nas EBI, constata e reitera a inadecuación contextual dos contidos que na rede se ofrecen e ve necesario adaptalos á realidade coa que ela se atopa nas aulas. Ademais, este tipo de ensino ofrece unha opción para aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de adquirir o coñecemento básico que un individuo precisaría en máis dunha unha ocasión na súa vida diaria. Neste sentido, sorprendeunos a motivación coa que o alumnado asiste ás aulas, a súa predisposición positiva  para seguir aprendendo e mellorando no coñecemento que van aprendendo e reforzando.

Finalmente, debemos resaltar o valor deste tipo de ensino máis alá do aspecto académico xa que as EBI asumen tamén un importante valor social. Deste xeito, non só se centran no proceso de alfabetización das persoas que acoden a estas aulas, senón que ofrecen un espazo alternativo no que a convivencia de perfís moi diversos propicia o desenvolvemento social do alumnado, á vez que experimentan un importante crecemento persoal.



Erea Blanco Balvís
Paula Cousillas Pena
Tania García Conde
Miguel Giadás Quintela
Sara Pajón Soto
Nerea Ruanova Álvarez


1 comentario:

  1. Moitas grazas por permitirnos acceder a estes testimonios. Todo un exemplo da educación transformadora e de loita pola educación. Tereixa é un gran exemplo!

    ResponderEliminar