A primeira vez que se nos mencionou a posibilidade
de traballar sobre este tema houbo reaccións diversas: por unha banda estaba o
atractivo de traballar con algo novo sobre o que aprender e, pola outra, a
inseguridade e as dúbidas de aventurarse nun terreo descoñecido. Finalmente,
deixámonos seducir pola oportunidade de innovar, de rachar co ríxido currículo
que marcara a nosa propia experiencia educativa, e comprobar de primeira man as
posibilidades que ofrecen outras formas de ensinar e aprender.
Logo dun breve traballo de investigación previo,
deseñamos o noso propio proxecto. A medida que avanzabamos puidemos ir
constatando as vantaxes e as desvantaxes deste tipo de iniciativas. Entre as
primeiras encóntrase o maior grao de implicación do alumnado, gustoso de
traballar de xeito cooperativo e descubrindo posibles destrezas a través da
realización das distintas tarefas. No caso do noso proxecto, descubrimos
persoas con moita imaxinación para a pintura, persoas cunha gran capacidade de
síntese na recolección de información sobre o autor da obra proposta e outras
que descubriron que baixo presión ás veces tamén se traballa de maneira máis
eficaz. En proxectos con outra temática, como podería ser unha reportaxe sobre o
medio ambiente ou acerca da campaña electoral, as rapazas e os rapaces poden
descubrir novos intereses nestes ámbitos e, grazas a estas iniciativas, apuntarse
a actividades vinculadas á fotografía ou informarse de xeito máis regular
acerca de cuestións políticas. No noso caso, na elaboración dos materiais que
vos esixiamos, o resultado foi este fantástico cartel e este tríptico no que todas
e todos aportastes algo de vós para o traballo (aínda que por cuestións de
espazo só é posible poñer un debuxo).
Como desvantaxes, queremos destacar o difícil que é
organizar a unha clase como a nosa, de 40 persoas, para traballar de xeito
conxunto. Se a coordinación tivese lugar entre distintos departamentos —que non
sempre ten que ser así, hai quen traballa por proxectos tan só nunha materia— a
complexidade sería maior pola cuestión dos horarios. Por último, probablemente se
levásemos a cabo este tipo de proxectos nun centro prototípico as nais e pais
queixaríansenos por non estar a dar as clases de xeito tradicional.
A nosa opinión foi variando ao longo do tempo, dende
que presentamos a nosa proposta de traballo por proxectos ata o día de hoxe.
Como se explicou no anterior post, a nosa
primeira actitude de cara aos traballos por proxectos foi moi positiva e optimista
xa que se nos presentaba como unha alternativa interesante e motivadora. Porén,
a medida que iamos deseñando as actividades e iamos tratando de coordinalas,
comezamos a ver o grao de dificultade desta forma de traballo nas aulas. Pode
que este sexa un dos principais motivos polos que o traballo por proxectos non
conta hoxe en día cunha maior implantación. De todos os xeitos, parece que imos
superando esta reticencia e, pouco a pouco, xorden novas iniciativas como a
plataforma Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.es/portal/planproxecta/programas). Esta iniciativa parte das distintas
consellerías da Xunta de Galicia, que para promover aspectos de cada unha
delas, presentan materiais e ferramentas para traballar por proxectos en
distintas áreas dos seus departamentos. Entre elas destacan a Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Consellería de Sanidade e a
Consellería de Economía, dentro dun total de nove áreas temáticas distintas.
Estes esforzos levan a un maior número de profesionais a achegarse a esta nova
metodoloxía, polos datos da páxina da Consellería de Educación máis de 70000 rapazas
e rapaces galegas/os xa traballan baixo estas iniciativas:
Evidentemente, a nosa experiencia foi fugaz e
distorsionada, xa que non houbo posibilidade de aplicar o noso proxecto a unha
aula real, a aplicación práctica limitouse a unha escasa media hora na que as
propias compañeiras asumiron o rol de alumnas. Porén, como explicamos no
anterior post, unha de nós tivo a
sorte de compartir aulas cun profesor que traballaba por proxectos, un caso
real que nos fixo ver que todo e posible con ganas e esforzo.
Desta maneira, gustaríanos concluír afirmando que,
baixo o noso punto de vista, nada é imposible na docencia. O único problema é
cando non existe a motivación necesaria para levar a cabo estas actividades.
Pola nosa parte, temos seguro que cando comecemos a nosa carreira como
educadoras, proporemos o traballo por proxectos como unha alternativa ao método
educativo tradicional.
Diana Babarro Rodríguez
Nerea Costa García
Olivia Figueira Nuñez
Sara Filgueira Lorenzo
Ainara García Doval
Iria Muñiz Babarro