28/12/15

Galeguízate!







             https://www.youtube.com/watch?v=XN-ebp10iz4

Un dos grandes retos da lingua galega, así como de moitas outras linguas minorizadas, é o de chegar a un número de falantes suficiente como para non perder a súa presenza no mundo. Unha das formas de conseguir este obxectivo é ser coñecida e utilizada por persoas estranxeiras, ademais de polas propias nativas. Perante tres compañeiros non oriúndos de Galiza estamos neste vídeo e nesta entrada do blog.
En primeiro lugar, escoitamos como son varios os motivos que os fan estar aquí e falar en galego: razón persoais, amor pola lingua, así como pola literatura e a cultura, como manifestan abertamente dous dos casos, amor por vivir neste recuncho do planeta… Hai incluso un achegamento lingüístico por causas máis académicas que levan a imaxinar un futuro aquí. Talvez non esteamos perante o significado propiamente dito de linguas de adopción, xa que si que hai una motivación que vai máis alá do “amor por una lingua” mais non nos deteñamos só nas diferenzas e vexamos as semellanzas, como o feito de non medir unicamente una lingua pola súa utilidade ou, mellor dito, pola súa produtividade.
Fíxose fincapé no tipo de educación recibida: formal/ non formal. Teñamos moi en conta esta característica, xa que observamos como a educación formal non leva consigo un maior arraigo pola lingua. Non estamos medindo academicismos, senón vontades lingüísticas e culturais, polo que a motivación é o motor principal que fai posibles estas realidades. Para falar habitualmente hai que querer, obviando os erros, pois sen querer non se consegue nada, aínda existindo múltiples diplomas que acrediten o coñecemento dunha lingua. E que mellor forma de practicar que coa familia ou coas amizades? Vexamos como pode resultar moi útil e produtivo, ademais de ser una sorte, ter estes apoios e modelos para aprender. Entendamos a familia e/ou as amizades como vehículo para xogar e gozar aprendendo o galego, neste caso concreto.
Os tres participantes coinciden en que queren continuar mellorando a súa lingua e en considerar que todas as linguas son igual de útiles e que o galego lles resulta unha lingua atractiva. Quizais as súas perspectivas estean “contaminadas” por seren filólogos, mais tamén son necesarias! Ratificamos a fermosura de todas as linguas e reivindicamos a propagación de ideas deste tipo para galeguizarmos o mundo.
Tampouco deixamos esquecida a cuestión das palabras que máis ou menos gustan. Estas preguntas pretenden dar a coñecer o grao de coñecemento da lingua (de indiferenza ou gusto pleno) así como o nivel de proximidade á lingua (nivel dialectal, estandarizado, etc.).
Con todo isto, chegamos á conclusión de que o esencial para chegar a ser un falante competente non é o coñecemento teórico que poida ter dunha lingua (no caso que nos ocupa, o galego) senón que, pola contra, é o amor que sente por ela. A ferramenta esencial que posibilita falala de forma efectiva, mentres se desfruta no descubrimento de novas palabras, cada unha delas cunha sonoridade particular. Un matiz que a diferenza doutras palabras semellantes se relacionan ou se diferencian unhas das outras como flores de distinto tipo que se poden atopar no inmenso e fermoso xardín que constitúe a aprendizaxe dunha lingua.

Jesús Corredoira López
Alba Fernández Méndez
Daniel García Aguión
Pilar Lago Eiras
Miriam Sánchez López

Ningún comentario:

Publicar un comentario