24/12/15

A mirada inclusiva: unha proposta práctica dende a “lingua adoptiva”



Nunha sociedade actual caracterizada pola multiculturalidade é cada vez máis inusual atopar centros educativos cun alumnado culturalmente homoxéneo. Antes ben, a presenza de inmigrantes de diversas procedencias nas nosas escolas é dende hai uns anos unha realidade incuestionable e que vai en progresivo aumento.
Ante esta nova situación de diversidade lingüística e cultural nos centros xorde unha necesidade que non se pode desatender: unha integración plena dos recén chegados que os faga sentir a gusto no novo entorno educativo. Dita integración no centro debe lograrse non asimilándoos a este de xeito que acaben por perder os seus trazos propios, senón mediante a incorporación das súas particularidades á realidade escolar da que pasan a formar parte.
No noso grupo de traballo consideramos o concepto de “lingua adoptiva” proposto polos autores do Informe Maalouf coma unha interesante posibilidade para dar resposta a esta necesidade.
A xeito de experimento de aplicación práctica desta idea decidimos partir dunha situación hipotética na que a presenza dun número de inmigrantes turcos escolarizados nun centro xustificaría a decisión de adoptar a lingua e cultura turcas por parte de toda a comunidade educativa. O proxecto proposto incluiría a realización de xuntanzas semanais en horario extraescolar para aprender uns rudimentos da lingua que permitisen manter unha conversa sinxela, así como para coñecer as diversas facetas da realidade cultural dese territorio. Estas sesións se reforzarían coa publicación de materiais nun blog aberto ás áchegas de todos. Velaquí unha pequena mostra a modo de exemplo do tipo de contidos que se poderían incluír no blog:


Malia que na presentación do noso traballo non propuxemos actividades dentro do horario lectivo, tamén contemplamos a posibilidade de que o profesorado das distintas materias levase a cabo dentro da aula iniciativas nesta liña.


Algúns centros xa teñen posto en marcha proxectos deste estilo encamiñados a integrar ao alumnado inmigrante dando valor ás súas linguas e culturas:

-IES Bernard Metge, Barcelona
O proxecto “Digue’m una paraula” naceu no curso 2008-9 ao abeiro da Aula d’Acollida, co obxectivo de concienciar sobre a riqueza que a diversidade lingüística supón para os centros. Elaborouse un documental no que os rapaces estranxeiros presentaban mostras das súas linguas e as puñan en comparación co catalán. Ademais disto tamén se traballou coas semellanzas e diferenzas entre esas linguas e o catalán, con vistas a atopar as vantaxes e dificultades que os rapaces podían atopar na aprendizaxe deste idioma.


-IES Antonio Fraguas Fraguas, Santiago de Compostela
Ante a afluencia cada vez maior de alumnos de diversas procedencias este instituto creou hai xa dez anos un seminario permanente para tratar a interculturalidade co que chegou a gañar un premio Educa. Dende este espazo se realizaron numerosas actividades para difundir a cultura (contos populares, bailes, instrumentos, xogos...) dos diversos lugares de orixe dos rapaces. Tamén se deu visibilidade ás linguas dos inmigrantes usándoas por exemplo en rótulos bilingües colocados nas diferentes dependencias do centro, ou incluíndoas nas actividades realizadas co gallo da semana temática.









Laura Álvarez García
Andrés Carballosa Calleja
Juan Liria Marrero
Silvia Tasende Cotelo
Pablo Varela Pet





Ningún comentario:

Publicar un comentario