10/01/18

Análise da Paisaxe Lingüística na Rúa do Franco (Santiago de Compostela).


Entendemos por "paisaxe lingúística" todo aquel testemuño escrito que resulta visible dende o espazo público. O estudo desta situación enunciativa, cuxa particular morfoloxía achégaa a oralidade, serve como indicador da vitalidade das diferentes linguas que comparte un mesmo espazo físico e constitúe, doutra banda, un medio propicio para a creación de novos métodos de innovación lingüística que poden ser estudados sobre o terreo.

O traballo que aquí presentamos céntrase na observación e análise da paisaxe lingüística da Rúa do Franco, arteria principal do casco histórico de Santiago de Compostela e vía de tránsito obrigado para os miles de de turistas (sinaladamente, peregrinos) que cada ano visitan a cidade. O obxectivo principal que nos propuxemos acadar con este pequeno estudo é, alén do que a propia investigación poida aportar, a de conseguir á súa adaptación como actividade de aula a desenvolver en centros educativos de secundaria.

Para levar a cabo esta tarefa de xeito ordeado, dividimos o traballo como segue: en primeiro lugar e, tras ter cumprido co proceso de documentación necesario, formulamos unha serie de hipóteses de partida que con este estudo nos propuxemos corroborar ou ben desmentir. En segundo lugar, trazamos un método tanto de recollida de datos sobre o espazo xeográfico obxecto de estudo coma de posterior análise e interpretación dos mesmos. Seguidamente e, unha vez procesados os datos, trazamos as conclusións pertinentes en atención ás hipóteses de partida. Por último, formulamos brevemente unha proposta didáctica a desenvolver na aula. O seguinte cadro mostra todo o proceso condensado:


O proceso de recollida de datos sobre o terreo, o cal constituiu o corpo da nosa investigación, consistiu en tomar fotografías de aquelas manifestacións de linguaxe escrito que resultasen de interese para este estudo e elaborar con elas un mapa interactivo que as clasificase, describise e mostrase seguindo o percorrido dos investigadores. De xeito complementario, foron realizadas unha serie de entrevistas a propietarios e dependentes de locais comerciais da zona, ademais de aos viandantes que por ela transitaban.
 
https://www.google.com/maps/d/edit?mid=1dSi2KxmV-Aesq5AdxcxPoofAym8PqpXu&ll=42.87939247906509%2C-8.545554303580275&z=18

É necesario aclarar que, de tódalas producións de linguaxe escrito que atopamos durante o noso percorrido, decidimos descartar anuncios particulares, pintadas e demáis producións escritas sen formato ou non rotuladas para facilitar a tarefa. É así que o corpus deste estudo limítase, grosso modo, a rótulos comerciais, avisos e cartaces expostos nos escaparates dos comercios, cartas de restaurantes e todo tipo de sináis oficiáis.
















Os datos recollidos revelaron que o galego adopta unha función identitaria que serve como reclamo turístico para nomear locais e sinalar os produtos autóctonos, mentres que o español é a lingua que predomina con función informativa. Carteis, cartas ou letreiros adoitan estar en español, incluso en negocios cuxo nome está en galego. As linguas estranxeiras son empregadas cunha función vehicular, para dar información aos turistas na súa propia lingua ou nunha lingua franca. Con todo, existen negocios que empregan este tipo de linguas con función identitaria. A paisaxe lingüística dos negocios é normalmente multilingüe, tanto español-galego como español e/ou galego-lingua(s) estranxeira(s), mentres que rara vez aparecen inscricións multilingües nas que o castelán estea ausente. A tendencia é que cando aparece unha lingua estranxeira diferente do inglés, esta última aparece tamén ao seu carón.

Por último, a proposta de aula que presentamos consiste na recollida en grupos por parte dos alumnos de exemplos de producións escritas que conformen a paisaxe lingüística das instalacións do centro educativo para, entre todos, elaborar un mapa interactivo e reflexionar (en conxunto e unha vez obtidos os resultados pertinentes) sobre a importancia deste tipo de mensaxes para a evolución futura das linguas e as repercusións que esta terá na súa distribución territorial. Isto implicaría un traballo interdisciplinar pola súa parte, de xeito que as destrezas comunicativa e tecnolóxica sairían particularmente reforzadas e fomentaría a cooperación e as dinámicas de traballo en grupo. 

Referencias bibliográficas:

Comesaña, E., González Álvarez, E., González Rodríguez, N., Rey Brandón, C., Rial Montes, T. e Rivas Cabalenas, R. (2016). A paisaxe lingüística no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. (Presentación PPT).
López, M. (2011). “A Paisaxe Lingüística: Unha Análise dun Espazo Público Galego”. Cadernos de Lingua, (33), 5-34
Mosquera, E. e Wellings, M. (2014). “Os Códigos Lingüísticos da Rede e a Paisaxe Lingüística Galega”. Estudos de Lingüística Galega, 6, 173-197.
Prego, G. e Zas, L. (2015). “Identidades en los Márgenes de la Superdiversidad: Prácticas Comunicativas y Escalas Sociolingüísticas en los Nuevos Espacios Educativos Multilingües en Galicia”. Discurso y Sociedad, 9(1-2), 165-196.
Rymes, B. e Leone, A. (2014). “Citizen Sociolinguistics: a New Media Methodology for Understanding Language and Social Life”. Working Papers in Educational Linguistics, 29(2), 25-43.

Ningún comentario:

Publicar un comentario