05/01/18

O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas


Hai unhas semanas, o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) estivo en Galicia, onde deu unha rolda de prensa, que os medios de comunicación recolleron así:


Contrasinal: MCERL



Asemade, quixo emitir o seguinte comunicado.


O MCERL é un proxecto esencial na política lingüística levado a cabo polo Consello de Europa. Comezou a xestarse en 1991 e foi presentado dez anos despois, co propósito de constituírse como modelo de consulta e referencia para todas as persoas implicadas no ensino-aprendizaxe de linguas.

O Marco nace como un intento de estandarizar, a nivel europeo, as competencias de expresión e comprensión, tanto orais como escritas, que os usuarios posúen nunha lingua concreta. Divide estas competencias, e aos usuarios que as acadan, en tres niveis principais: básico, independente e competente, subdivididos á súa vez en





É o Marco un documento que conta case con tantos defensores como detractores. Algunhas das críticas que se lle teñen feito parten, en ocasións, dunha concepción errónea do que o MCERL supón. Neste sentido cabe dicir, en primeiro lugar, que o Marco non é un documento curricular (nin tampouco o pretende). Nel inclúense diferentes metodoloxías, tipos de avaliacións, contidos e obxectivos que podan servir como referencia a calquera persoa implicada nun proceso de ensino-aprendizaxe de linguas (alumnado, profesorado, autoridades educativas, autores de manuais...). Pero o Marco non indica cales son os máis axeitados para cada lingua, cada mestre ou cada alumno, se ben é certo que avoga sempre pola perspectiva comunicativa, ao concebir a lingua como un instrumento comunicativo en sentido amplo.

Céntrase en explicar, intentando estandarizalo, o que fan os usuarios dos niveis de linguas nun nivel concreto e como o fan, tanto nunha escala global como parcial. É o MCERL, por tanto, un documento de carácter puramente descritivo en canto ás habilidades que os usuarios posúen ao acadar un nivel determinado, pero que non explica que ensinar nin como facelo.

Non pode usarse tampouco a modo de guía metodolóxica, posto que se limita a explicar os diferentes métodos que existen, pero sen tomar partido por ningún deles. O que fai é propiciar unha reflexión sobre que implica escoller un método fronte a outros, orientando sobre os puntos a ter en conta para a toma desa decisión. 

É un instrumento tamén para a investigación, a partir do cal desenvolver as ferramentas a usar no ensino-aprendizaxe pero, en ningún caso, unha ferramenta de por si. Isto é: non ofrece indicacións sobre como formular ou avaliar unha proba ou como estruturar os contidos nun curso académico ou nunha clase, mais si que explica que factores é importante considerar para o deseño dun exame ou que elementos determinan o nivel de dificultade dunha proba.

En resumo, poderíase dicir que o Marco busca ser integrador (facer unha descrición ampla e detallada), transparente (claro e explícito), coherente, útil, flexible (susceptible de ser adaptado segundo as circunstancias), aberto (con posibilidade de mellora e ampliación da súa información), dinámico (aberto aos cambios e variacións), non dogmático (non toma posición a favor de ningunha teoría lingüística ou educativa) e comprensible (sinxelo de utilizar). Neste senso, a súa utilidade é manifesta.

Porén, non faltan tampouco nel aspectos a mellorar. Un deles é o feito de que as certificacións deses niveis especificados polo Marco supoñen un desembolso económico importante para o usuario. No Estado español, por exemplo, ao finalizar a Educación Secundaria ou o Bacharelato, non se expide ao alumnado certificación algunha. De feito, quen cursara inglés dende Primaria ata segundo de Bacharelato, para acceder a certos postos de traballo, bolsas ou, incluso, para a expedición do título de graduado, terá que acudir a un exame externo no que se lle certifique certas competencias.

Asemade, pódeselle achacar que, aínda que fai fincapé na importancia do plurilingüismo, en realidade non concreta en ningún momento como encamiñarse cara ese obxectivo (e, de feito, aínda que avoga pola protección e o estudo de diferentes linguas, non deixa de resaltar a utilidade e a importancia do inglés como lingua franca).

Ningún comentario:

Publicar un comentario