23/01/17

A aprendizaxe de linguas nunha burbulla... Ou de cando ensinei español nunha Efterskole en Dinamarca.

David Fernández García
«Porque cando estiven en Dinamarca...»
Recoñézoo, comezo moitas historias e experiencias contextualizándovos en Escandinavia e na burbulla na que pasei tres anos. Descubrín as Efterskole cando cheguei a unha delas como voluntario a través do Servizo de Voluntariado Europeo. Aterrei en Ranum Efterskole e, de primeiras, non me foi sinxelo asimilar e comprender un modelo de ensinanza tan distinto ao que eu vivín e ao que viña acostumado.

Pouco a pouco, participando co alumnado na súa vida diaria, falando co profesorado sobre a súa experiencia e intercambiando ideas coa dirección sobre este modelo único danés, fun comprendendo este tipo de escolas fundadas hai máis de 150 anos seguindo as ideas de N.F.S. Grundtvig. Este poeta e cura danés quería que as escolas fosen un lugar de ilustración en lugar dunha institución centrada unicamente na formación profesional.

As características principais que unen as máis de 250 efterskole espalladas por toda Dinamarca son a liberdade, a tolerancia e a democracia. Poida que esas sexan as bases necesarias básicas para que o alumnado de entre 14 e 18 anos conviva durante un ano enteiro nunha destas burbullas, pequenos simuladores da sociedade e da realidade.

Velaquí vai unha pequena interpretación que a miña compañeira de voluntariado e máis eu fixemos das Efterskole cando, pouco despois da nosa chegada, entrevistamos ao profesorado e ao alumnado de Ranum.



Na páxina oficial da asociación de efterskoles (Efterskoleforeningen) podedes atopar máis información sobre a historia, os valores e os datos sobre o alumnado que asiste cada ano ás efterskole. Velaquí un bo resumo:




Como inflúe este contexto na aprendizaxe de linguas?
Nunha efterskole o contacto coas linguas que se aprenden nas clases formais é moito máis directo. O alumnado atópalle moita máis utilidade á aprendizaxe das linguas e ten moitas máis oportunidades para empregalas. Así mesmo, a relación entre alumnado e profesorado e a convivencia diaria xogan un papel fundamental na motivación para aprender unha lingua nova.

No caso de Ranum Efterskole, a interculturalidade é un dos valores que máis se promove e que máis se percibe (a escola conta con alumnado e profesorado de múltiples nacionalidades), polo que a aprendizaxe de linguas é un dos camiños para formar parte dese ambiente no que se misturan e interaccionan diferentes culturas. Así mesmo, a participación do profesorado en actividades extra-escolares crea de novo situacións nas que a aprendizaxe da lingua estranxeira se realiza de xeito non formal e lúdico.


Porque cando estiven en Dinamarca, aprendín que cando ensinamos unha lingua estranxeira, son tan importantes as relacións persoais que establezamos co alumnado coma os contidos académicos que lles ensinemos. Cando estiven en Dinamarca descubrín que é tan importante preparar as aulas como fomentar actividades extra-escolares e de aprendizaxe non formal nas que o alumnado poida empregar os coñecementos que adquiriu na aula. Cando estiven en Dinamarca dinme conta de que o máis importante é crear burbullas seguras nas que convivir en igualdade co alumnado e practicar o felicismo mentres aprendemos, usamos e intercambiamos os nosos idiomas.

1 comentario:

  1. O cerebro necesita emocionarse para aprender!
    http://economia.elpais.com/economia/2016/07/17/actualidad/1468776267_359871.html

    ResponderEliminar