Durante o verán de 2008 asistín a un campamento en Parentis-en-Born, perto
de Burdeos, no sur de Francia. Ademais das moitas actividades, xogos e visitas
que realizabamos, durante as mañás tiñamos clases de lingua francesa con
profesores da Alianza Francesa. O curso durou tres semanas e o tipo de
metodoloxía empregada era o enfoque por tarefas. A continuación, describirei
brevemente este enfoque educativo, como foi a miña experiencia traballando con
el, que tipo de actividades se levaron a cabo e finalmente farei unha
valoración sobre a súa utilidade e os resultados obtidos.
O enfoque por tarefas
consiste en crear unha “tarefa final” que funcione como punto de partida para
organizar unha unidade didáctica. En primeiro lugar, determínanse as tarefas
que se van levar a cabo para así ver que contidos (gramaticais, léxicos etc.)
debemos incluír en cada unha. Todas estas tarefas xiran arredor dun mesmo tema
e pretenden realizarse de maneira comunicativa. Estaire e Zanon propoñen que o
tema central que dea conexión á toda a actividade sexa seleccionada xunto cos
aprendices, así propoñen temas como festas, viaxes ao estranxeiro ou a
realización dun xornal. Para poder atender tanto á aprendizaxe formal da lingua
como ao desenvolvemento en situacións reais, as tarefas divídense en dous
tipos: as de comunicación e as de apoio lingüístico. As segundas tamén teñen un
obxectivo de aprendizaxe concreto que despois servirá para comunicar outro.
Alén disto, este tipo de metodoloxía ten
en conta os seguintes aspectos: a aprendizaxe colaborativa, a motivación dos
participantes, a relación co contexto social, a transversalidade dos contidos
ou a adquisición de coñecementos instrumentais. Polo tanto, a estrutura da
programación consiste nunha cadea integrada de tarefas tanto comunicativas como
de apoio lingüístico que teñen un tema, uns obxectivos e uns contidos
determinados e que se desenvolven en cada sesión de clase. Os pasos a seguir
consisten en indicar os obxectivos que se perseguen para a realización da
tarefa final. A continuación, delimitar que contidos lingüísticos serán
necesarios para acadar estes obxectivos. Unha vez que isto estea claro, debemos
planificar o proceso; que tarefas de comunicación e de apoio lingüístico se
levarán a cabo. Finalmente, analizar se a programación é completa e marcar os
procedementos de avaliación.
Na miña experiencia, a
tarefa final consistía na realización dunha festa de inauguración dun cruceiro.
Así, durante as tres semanas, cada individuo da aula adoptaba un rol dentro
dese cruceiro (cociñeiro, masaxista, socorrista, camareira, viaxante de
negocios etc.). Na suposta festa de inauguración, teriamos que presentar ao
resto de compañeiros e compañeiras doutras aulas (que recibirían unha
invitación previa) en que consistía o noso cruceiro, a ruta que seguiría e
presentarnos cada un de nós. Para lograr este obxectivo, realizamos moitas e
moi variadas actividades que nos permitiron desenvolvernos na lingua francesa
ao mesmo tempo que adquiriamos os coñecementos fixados.
O primeiro día, en conxunto, fixamos o destino do noso barco e a ruta que
seguiría. Ademais disto, escollemos cada un o rol que representariamos e
fixemos unha breve exposición oral sobre esta personaxe (no meu caso, a
masaxista). No segundo día, a tarefa era de tipo lingüístico, repasando o
vocabulario das descricións físicas e escribindo unha da nosa personaxe.
Noutras sesións realizamos tarefas
de apoio lingüístico, tamén, concretamente das formas verbais de tempo pasado
mediante a realización de exercicios en fotocopias. A fin destes exercicios era
conseguir que cada persoa narrara o pasado do seu personaxe antes de chegar ao
barco.
A maioría das actividades eran realizadas en grupo, fomentando a
interacción e a cooperación cos compañeiros e compañeiras. Así, realizamos un
mural para ofertar o noso cruceiro cunha descrición das partes do barco e das
actividades que se podían realizar nel. Con esta tarefa aprendemos vocabulario
sobre xogos, deportes e actividades e as estruturas sintácticas que se empregan
con cada un deles.
Esta é unha mostra dalgunhas das tarefas realizadas durante estas semanas.
A tarefa final, consistía, como xa dixen, nunha festa de inauguración, que tivo
lugar unha das noites. O noso profesor tamén participou, adoptando o rol de
capitán e cedéndonos a palabra un a un para que nos presentaramos.
Despois desta experiencia, paréceme que o enfoque por tarefas é un método
moi útil no ensino de linguas estranxeiras, especialmente se se traballa con
adolescentes. As tarefas son amenas, esixen a participación activa de todo o
alumnado, motivan e espertan interese. Polo xeral, favorece as relacións entre
os participantes e créase un clima no que as persoas non se senten cohibidas
para falar unha lingua estranxeira. Un punto positivo é que de cada actividade
extraemos un produto, un texto ou unha historia que nos axuda a lembrar os
coñecementos adquiridos. Na miña experiencia considero que mellorei moito o meu
nivel de francés e que practiquei todas as competencias (ler, escribir, falar e
entender).
BIBLIOGRAFÍA
Estaire, Sheila. “La enseñanza de lenguas mediante tareas: principios y
planificación de unidades didácticas” en Enfoque
por Tareas y enseñanza de EL2 en Educación de Personas Adultas. Recuperado
de: http://catedu.es/tarepa/index.html [Consultado en 05/01/17]
Ningún comentario:
Publicar un comentario