11/01/17

MARCHANDO UNHA DE “CULTURA”!

A aqueles que, coma min, naceron dentro do territorio Español supónsenos unha competencia cultural básica que fomos adquirindo tanto de feito natural –nas relación interpersoais do día a día― como na escola –a nivel académico a través de materias pensadas para aportar estes coñecementos que o currículo estatal considerou como saberes culturais esenciais. Sen embargo, que pasa con aquelas persoas que veñen de fóra e que buscan obter a nacionalidade Española? Abonda con que vivan aquí uns certos anos e se empapen da cultura real do país nas rúas, nos locais comerciais, nas institucións públicas, etc?? Pois o certo é que non. Pese a que a cultura é algo que só nunha pequena porcentaxe é material (en forma de monumentos ou comidas típicas), as leis ditaminan que é mesurable e pode ser catalogada e posta a disposición daqueles que queren adquirir a certificación Española a través da CCSE ou proba de Coñecementos Constitucionais e Socioculturais de España.
Con este exame os candidatos teñen que poñer a proba os seus coñecementos da Constitución e da realidade social e cultural españolas. Para a elaboración do test e do repertorio de contidos pertinente, o Instituto Cervantes tomou como referencia varias fontes entre elas: documentos elaborados polo Consello de Europa (Marco común europeo de referencia para as linguas ou MCER; Manual para relacionar exámenes co MCER), a Constitución española, documentos da Administración pública de España e dous inventarios propios do Instituto Cervantes (Referentes culturales e Saberes e comportamentos socioculturales). O exame consta de 25 preguntas de resposta pechada das que se deberán contestar correctamente un mínimo de 15. O 60% das preguntas tratan sobre goberno, leis e participación cidadá en España, e o 40% restante sobre cultura, historia e sociedade española e son estas últimas as que, na miña opinión, dan pé a un posible debate sobre estereotipos formulado do seguinte xeito: ata que punto somos nós mesmos, os españois e as institucións que nos representan, responsables dos estereotipos culturais que pululan polo estranxeiro?
Gracias ao convenio Erasmus que tiven o privilexio de facer cando estaba en terceiro de carreira, estiven vivindo un ano en Colchester (Inglaterra), ás aforas de Londres, e alí compartín piso con outros 12 estudantes de diferentes procedencias. Unha das cousas que mais me sorprendeu foi saber que, a pesar de vir de continentes distintos, a idea que tiñan de España era moi similar: todos pensaban que só por ser española tiña que saber tocar a guitarra e bailar unha sevillana, ou que o vestido de flores era o fondo de armario de toda muller. Tamén me preguntaban polos toros como se se tratase dun animal de compañía que podes ter no xardín da túa casa e sacas a pasear de cando en cando. E, como non, a paella e a tortilla tamén iban incluídas no paquete de “cultura española” que eles me asignaban.
A miña sorpresa foi tal que empecei a preguntarme de onde saían todos eses estereotipos culturais – a maioría desfasados― que eles tiñan e, pouco a pouco, fun sacando en claro que eran os propios medios de comunicación os primeiros interesados en sacar á luz estas imaxes. A través de películas, cancións, videoclips e demais medios, as ideas sobre-simplificadas sobre os españois e a nosa cultura estendéronse e seguen a estenderse por todo o globo terráqueo sen que nós poidamos facer nada para remedialo.
Por iso me parece oportuno pararme a examinar as preguntas culturais que se consideran oportunas para obter a nacionalidade española, un estatus que, se supón, leva parello un dominio alto dos símbolos e significados culturais xerais. Así que, investigando un pouco máis sobre o exame, atopei algúns modelos por Internet con preguntas como: ¿Cuál es la fiesta más famosa en Cádiz y Canarias? A) El Carnaval B) La Semana Santa C) Los Sanfermines ou ¿Cuál es la profesión de Penélope Cruz? A) Cantante B) Guitarrista C) Actriz.
Se nos paramos a reflexionar as respostas veremos que tanto o Carnal de Cádiz e de Canarias como a actriz Penélope Cruz son dous reclamos televisivos con transcendencia internacional que os medios de comunicación se encargan de acuñar co selo de “español” e facelos símbolos desa suposta cultura común. Sen embargo, eu, pola miña procedencia xeográfica, non me sinto para nada identificada co carnaval nin de Cádiz nin de Canarias. De feito, en Galicia (máis ao Norte no mapa) a tradición do carnaval é totalmente distinta a calquera destes dous puntos xeográficos. E moito menos identificada me sinto coa actriz Penélope Cruz. Simplemente é unha figura artística entre moitas outras que triunfaron fóra das nosas fronteiras e sen embargo estase a tratar como parte da cultura popular básica de calquera español.

En verdade creo que, máis que de elementos culturais, deberíamos falar de construtos culturais elaborados polos medios de comunicación que, de forma convencional, elixen unhas manifestacións culturais prototípicas por enriba de outras. Detrás atópanse intereses tan diversos como a promoción ben de destinos turísticos ben de produtos comerciais en auxe nun determinado momento histórico. E isto pasa tanto no caso de España como do resto dos países do mundo pois, quen non asocia México con rancheras, guacamole e fajitas, Francia con queixo, viño e croissants, Italia con sol, praias e pasta ou Xapón con sushi e a tradición manga? 

1 comentario: