Que é o Tratamento Integrado de
Linguas?
O Tratamento Integrado de Linguas (TIL) consiste na elaboración
dunha programación didáctica consensuada para as linguas vehiculares dun centro.
Dita programación debe partir de presupostos accesibles ao alumnado e dunha
metodoloxía común. O seu principal obxectivo é facilitar as transferencias
lingüísticas entre idiomas e, en definitiva, mellorar a calidade do proceso de
ensino-aprendizaxe.
Metodoloxía
Para acadar estes
obxectivos é necesario adaptar a metodoloxía tradicional de ensino nas aulas,
sendo o enfoque comunicativo o método máis axeitado para o ensino de linguas. Así,
ponse en marcha o traballo por tarefas ou proxectos, isto é, a realización de
pequenas actividades ou accións conectadas entre si que teñen como fin último a
elaboración dunha tarefa final. Para lograr o obxectivo último, é necesario
resolver cada actividade, superar as dificultades e descoñecemento sobre o tema
en cuestión e cohesionar cada coñecemento obtido para dar coa resposta última
do proxecto. Cada tarefa que se leve a cabo debe organizarse de maneira que se potencien e reforcen os estándares de comprensión lingüística(oral e escrita) e
produción lingüística (textual, oral e interacción).
Son necesarios cambios
Para aplicar o TIL é necesario revisar os documentos
marco do centro e adaptalos á nova metodoloxía. Máis concretamente, o Proxecto
Lingüístico de Centro debe ser un documento elaborado e coordinado polo
profesorado de diferentes linguas. Deste xeito, darase conta da realidade
lingüística de docentes e discentes, a cal se adaptará e coordinará coas linguas
vehiculares do centro educativo. O obxectivo desta relación entre linguas
faladas-linguas ensinadas é a mellora do dominio funcional dos alumnos e
alumnas no ámbito das linguas. En definitiva, é necesario a revisión da planificación
integrada da ensinanza de linguas. Para iso, Guash (2005) propón cinco ámbitos
que se deben ter en conta:
- O desenvolvemento de habilidades de comprensión e expresión, oral e escrita
- O coñecemento das situacións discursivas e os xéneros de texto
- A interdependencia entre o uso lingüístico e a reflexión metalingüística
- O coñecemento da diversidade lingüística
- As actitudes lingüísticas [deben ser positivas deica a variedade]
Ademais, para
traballar dende estes ámbitos de actuación de maneira coordinada, é necesario a
creación do Departamento de Linguas no centro educativo, aínda que logo exista
a subdivisión deste en diferentes linguas ou materias. Desta maneira, elabórase
unha Programación Didáctica integrada das linguas do centro, que facilita a organización
dos contidos e tarefas para cada materia, partindo da mesma metodoloxía e
optimizando o aproveitamento dos recursos. Esta programación debe estruturase
en tras apartados:
- Situación sociolingüística do centro
- Aprendizaxe de L1, L2 e L3, onde: L1 (primeira lingua do centro –galego-), L2 (segunda lingua do centro –castelán–) e L3 (lingua estranxeira adquirida no centro –normalmente inglés ou francés–)
- Temporalización dos proxectos e secuenciación dos contidos lingüísticos
O TIL, aínda que coordinado polo novo Departamento de
Linguas, non debe ser exclusivo a este departamento. Este método didáctico debe
estar presente nos contidos, pois, en todas as materias que transcorran durante
o horario lectivo, de xeito transversal.. Sen embargo, para lograr este
ambicioso obxectivo, parece conveniente partir da súa aplicación nas aulas de
linguas.
Que e como debemos ensinar?
Como estamos a ver, a
metodoloxía e a finalidade do ensino de linguas mudan, polo que tamén será
necesario adaptar os contidos. As actividades deben buscar a intercomprensión
das linguas da mesma familia e a transferencia de coñecementos. A súa
organización debe partir, novamente, do traballo colaborativo entre o
profesorado do centro, que integrarán os obxectivos. Así, o alumnado acadará a competencia
comunicativa (para o emprego da lingua en diferentes contextos de comunicación)
plurilingüe e policultural. Para iso, nas clases deben estar presentes as
linguas do centro, as dos alumnos e alumnas e aquelas descoñecidas que se pretenden
ensinar.
As actividades deben
partir de situacións e contextos reais, dos coñecementos e usos lingüísticos
dos alumnos e alumnas, para, deste xeito, activar a súa aprendizaxe activa, fomentar
a actitude positiva e interese deica o descubrimento de novos coñecementos,
potenciando o desenvolvemento das súas habilidades. Deste xeito o alumno
convértese no suxeito de aprendizaxe e adquire maior responsabilidade no
proceso. A función do profesor ou profesora será a de guiar e orientar aos
discentes neste camiño, proporcionándolles contidos novos, ferramentas, estratexias de
aprendizaxe e reforzo das habilidades individuais para conseguir un obxectivo grupal.
Cada proxecto ou
tarefa realízase para acadar unha ou varias competencias básicas. Con este fin,
preséntanse os contidos que se van a tratar. Deben adecuarse ó contexto do centro,
e máis concretamente, ás circunstancias do grupo de aula e aos recursos dispoñibles
(materiais, humanos e espaciais). Docente e discentes pactarán a temporalización
e organización de cada actividade para acadaren os obxectivos.
A avaliación das actividades
e da tarefa final é necesaria para a autorregulación da materia. Por un lado,
os alumnos e alumnas comproban o grao de coñecementos adquiridos e os puntos
nos que deben mellorar. Polo outro, a avaliación é de utilidade para os
docentes porque, a través dela, poden mellorar o proceso de ensino e adaptarse ás
necesidades dos discentes.
A avaliación debe
medirse na obtención de competencias básicas durante todo o proceso, en contra
da tradicional proba ou exame final. Poténciase así o carácter formativo das
avaliacións, en detrimento do carácter sumativo que preside actualmente. Algunha
das técnicas para avaliar son: a corrección do caderno de curso, a avaliación a
través de debates, o rexistro anecdótico ou o grao de implicación no traballo
en equipo.
Para mostra, un botón
Durante o Practicum I, realizado o pasado mes de
decembro, tiven o meu primeiro acercamento ao TIL. A profesora que coordina o
proxecto recoñece que é difícil implementar esta nova metodoloxía nun centro
antigo, cunhas tradicións ben instauradas. Sen embargo, non desiste e leva a
cabo pequenos proxectos que aportan unha visión diferente do proceso de
ensino-aprendizaxe, tanto para alumnos coma para profesores.
Neste curso, o proxecto multilingüe que se vai
desenvolver é “O amor na literatura”, na clase de Literatura Universal, de 1º de
Bacharelato. A idea nace da desmotivación do alumnado nunha materia, en teoría,
optativa. Sen embargo, moitos dos mozos e mozas que a cursan fano por descarte,
como alternativa a outras materias “peores”. O resultado disto, como digo, é
que a maioría do grupo no ten interese por aprender, ler e memorizar unha listaxe
de autores e obras, contextos históricos ou características dun grupo
literario.
Por iso, optouse polo enfoque comunicativo e o ensino por
tarefas. Varias profesoras do departamento de Lingua Española están realizando
cursos de formación sobre esta metodoloxía para coñecelo en profundidade e
aplicalo máis efectivamente nas aulas. A organización e secuenciación dos contidos
está sen rematar, posto que o proxecto se iniciará a finais do segundo
trimestre e durante o terceiro.
Sen embargo, pódense adiantar xa as ideas que están na
base do proxecto. A primeira toma de contacto para o alumnado virá coa organización
de concursos con motivo da celebración de San Valentín (recórdase que o eixo do
proxecto é o amor na literatura). Nestes concursos, ademais, acostuman
implicarse profesores de diferentes departamentos do centro para crear actividades
dinámicas, lúdicas e transversais. A partir de aí, os alumnos e alumnas
estudarán os diferentes períodos da literatura prestando especial importancia
ao concepto de amor imperante na época e a súa evolución diacrónica. Lerán
fragmentos sobre o tema en diferentes linguas, realizarán debates literarios e
dramatizarán un fragmento da obra que eles e elas escollan (das propostas) en
varias linguas.
A avaliación realizarase conxuntamente a través de
informes de seguimento da profesora e de cadros de autoavaliación dos propios
discentes, que deberán avaliarse a si mesmos e aos compañeiros. Polo tanto, as
clases de seguro serán máis distendidas sen a presión do exame ou proba final. Seguro
que este proxecto traerá bos resultados porque, xa en decembro, os mozos e
mozas tiñan ganas de pórse a traballar.
Bibliografía:
Díaz, Paco (2009). “Tratamento
integrado das linguas nos centros educativos. Os círculos concéntricos”. En A
cuestión lingüística. CFR de Pontevedra.
Guasch Grup, Oriol (2008) “Reflexión interlingüística y enseñanza integrada de lenguas”. En Textos de Didáctica de la Lengua y de la Literatura. Universitat Autònoma de Barcelona.
Noguerol, Artur (2007). “El tratamiento integrado de las lenguas en el marco europeo”. En
Textos de Didáctica de la Lengua y la Literatura. Universitat Autónoma de
Barcelona.
Ruíz Pérez, Teresa (2008). “El tratamiento integrado de lenguas. Construir una programación conjunta” En Textos de Didáctica de la Lengua y la Literatura. Universitat Autónoma de Barcelona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario