Neste sentido, durante a realización do primeiro período de prácticas, algúns membros do grupo descubrimos que no IES Arcebispo Xelmírez I impartíanse as Ensinanzas Básicas Iniciais (EBI), programas educativos que se centran precisamente no proceso de alfabetización, polo que decidimos investigar máis sobre este tipo de ensino.
A diferenza das asociacións coas que traballamos anteriomente (A.Cl.Abe e Cáritas), as EBI son un programa de ensino promovido desde Xunta e, polo tanto, está dentro dun contexto propiamente formal. En consecuencia, na Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se regula a educación básica para as persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 23 de xullo de 2008), establécese que as EBI constan de dous cursos: o primeiro comprende as habilidades instrumentais de lecto-escritura e cálculo matemático, e o segundo está orientado a consolidación desas habilidades e a preparación para o acceso ao ensino de adultos.
Para investigarmos máis sobre este tema puxémonos en contacto coa mestra que imparte as clases das EBI neste centro e concertamos unha entrevista que publicaremos na nosa seguinte entrada. Nela abordaremos diferentes cuestións como: os materiais empregados nas aulas, o perfil do alumnado que asiste a este tipo de ensino, a metodoloxía empregada, as dificultades máis frecuentes coas que se atopa no proceso de ensino-aprendizaxe, entre outras cuestións.
É moi frecuente que antes de realizar calquera entrevista, as persoas investigadoras e/ou entrevistadoras conten coa súa propia idea e percepción do tema e, xa que logo, consideramos interesante expoñelas a continuación, para despois contrastalas coa información extraída da entrevista. Así, pensamos, en primeiro lugar que, o alumnado que imos atopar responde a un perfil variado, principalmente inmigrantes e persoas maiores que non tiveron a oportunidade de ser escolarizadas no seu momento. Ademais, cremos que a motivación é diferente dependendo do perfil do alumno, xa que consideramos que o alumnado inmigrante está motivado para acadar a obtención dun título de graduado escolar, o que supón certamente unha diferenza co ensino non formal, no que os inmigrantes aprenden os coñecementos básicos para a súa alfabetización, e onde a motivación reside principalmente en se poder integrar social e laboralmente independentemente de que non poidan obter un documento que o acredite; mentres que, por outro lado, cremos que a motivación principal das persoas maiores que acoden ás EBI reside na oportunidade que estas ofrecen para desenvolveren unhas aptitudes que lles permitan seren máis independentes nas actividades da vida cotiá.
Por último, cando a entrevista sexa realizada, faremos a pertinente análise de onde extraeremos a información que nos é de interese, contrastaremos o que nela se di coa nosa percepción inicial, e fecharemos a investigación cunha conclusión global.
Erea Blanco Balvís
Paula Cousillas Pena
Tania García Conde
Miguel Giadás Quintela
Sara Pajón Soto
Nerea Ruanova Álvarez
Ningún comentario:
Publicar un comentario