O
galego non foi recoñecido oficialmente como lingua vehicular do ensino até a
Lei de normalización lingüística, en 1983. Esta incorporación recente ao
sistema educativo fai que se trasladen a este ámbito os grandes debates
relacionados co estándar e coa norma, de elaboración igualmente recente. Son moitas
as preguntas que seguen abertas a este respecto e que levan a que se produzan
posturas encontradas: cal é a variedade que debe empregar o profesorado ao se
comunicar co estudantado? é máis importante que se acollan ao que dita a norma
ou, pola contra, ten prioridade o obxectivo de que o alumnado se sinta
identificado coa variedade empregada nas aulas? cales son os límites neste
aspecto? pódese botar man dos castelanismos? cal é o lugar que deben ocupar as
variedades dialectais no ensino?
Como
é lóxico, non existe unha resposta única a estas preguntas e calquera que sexa
a postura adoptada contará con numerosos defensores e detractores. Antes de
presentar unha reflexión sobre esta cuestión, de carácter puramente persoal,
vexamos que opinan a este respecto dúas alumnas da ESO, o que nos achegará á
visión que se transmite na escola sobre a norma e o estándar, as variedades
dialectais etc.:
Para
comezar esta reflexión, é importante esclarecer que o primeiro paso para acadar
a normalización da lingua galega é lograr que sexa asociada a un modelo de
prestixio, para o que resultan absolutamente necesarias, dende o meu punto de
vista, a variedade estándar e a norma. Porén, ata que punto debe empregarse o
estándar nas aulas? As variedades dialectais deben erradicarse dun ámbito como
o da escola?
Como
xa se dixo, non é doado dar resposta a estas preguntas. Persoalmente, considero
imprescindible que o ensino da lingua galega se centre na norma e no estándar a
nivel de contidos, xa que é fundamental formar un alumnado competente nesta
variedade, que sexa quen de empregar de xeito adecuado a lingua nos ámbitos
formais e na escrita. Ademais, o estándar funciona tamén como modelo, tanto nos
usos formais como nos informais, para o alumnado castelanfalante que non posúe
variedade dialectal de seu. Por último, se se busca lograr a normalización da
lingua e a erradicación de moitos dos prexuízos que seguen pervivindo sobre o
galego (moitos deles detectables no vídeo que se vén de presentar), o ensino da
nosa lingua non pode ser concibido de forma diferente nos distintos puntos do
territorio.
Porén,
en contra da opinión de moitos educadores e estudosos –e en consonancia con
moitos outros–, considero que o feito de estudar o estándar non ten por que
implicar que esta sexa a variedade empregada na comunicación
profesorado-alumnado, especialmente no caso do alumnado galegofalante. Así,
tendo en conta a situación sociolingüística de Galicia e tal e como recoñecen
as mozas entrevistadas, detéctase facilmente que un dos grandes problemas en
relación co estándar reside no feito de que gran parte dos galegofalantes non
se senten identificados con el, senón que o perciben como algo alleo. Polo
tanto, a súa promoción mediante o ensino como único modelo de prestixio pode
levar, paradoxalmente, a un rexeitamento por parte dos galegofalantes da súa
propia lingua, ao considerala como incorrecta, o que aumenta o denominado autoodio
e dificulta o proceso de normalización. Así, considero que se deben favorecer
as variedades dialectais á hora de establecer a comunicación entre alumnado e profesorado,
posto que esta é a forma de que os alumnos e alumnas sintan que o que están a
estudar non é máis ca unha variedade da súa lingua, que está pensada para ser
empregada nuns contextos moi determinados, sen desprestixiar con iso as
múltiples variedades dialectais. Así, é importante que comprendan que os
dialectalismos non son incorrectos, que a propia norma os recoñece como válidos
na oralidade. Como se pode observar no vídeo, isto responde a unha urxente necesidade,
xa que as rapazas entrevistadas, como moitos outros mozos e mozas, demostraron presentar importantes prexuízos
respecto da súa propia fala (“o bo galego é o que se fala na televisión, porque
é máis educado”, “o que falamos na casa
é máis bruto”). En relación con esta importancia de atribuír ás variedades
dialectais o prestixio que merecen, resulta case obrigado incluír nesta entrada o
popular vídeo elaborado por uns estudantes de xornalismo para reivindicaren a
súa variedade propia, co que sería moi interesante traballar nas aulas:
Ademais,
resulta de gran interese facer ver ao alumnado que a variación dialectal non é
un fenómeno exclusivo do galego, senón que constitúe o estado natural de
calquera lingua viva e que, polo tanto, non ten sentido asociala a un estatus
de desprestixio. Así, como se pode percibir na entrevista realizada ás dúas
mozas da ESO, é moi importante que reflexionen sobre estas cuestións e que asimilen
que o caso do galego non é distinto ca, por exemplo, o do castelán.
Por
último, hai que dicir que este achegamento nas aulas á fala do alumnado debe
facerse con prudencia e, dende o meu punto de vista, cuns límites ben marcados
nos que os castelanismos non teñen cabida. Neste caso, as mozas entrevistadas
demostraron compartir esta opinión, declarando que os docentes deben evitar o
uso de castelanismos, posto que “iso non é galego”. Así, pese a que a
totalidade do alumnado (e, posiblemente, tamén o docente) empregue comunmente
termos como silla fronte a cadeira, a escola non pode fomentar este
tipo de hábitos, posto que isto si coloca o galego nun plano secundario fronte
ao castelán.
En
síntese, considero que, se ben o obxecto de estudo da materia de lingua galega
debe ser o estándar –o que non significa que non sexa fundamental incluír tamén
contidos de dialectoloxía–, isto non implica que non sexa recomendable empregar as
variedades dialectais na comunicación na aula, nomeadamente cando se está a tratar
con alumnado galegofalante. Así, paréceme moi importante buscar un achegamento
á fala dos alumnos e alumnas, posto que isto pode contribuír a evitar a
creación de complexos de inferioridade motivados pola autopercepción das
variedades propias como incorrectas e “de segunda” respecto ao estándar. Deste
xeito, estarase fomentando o emprego do galego nas novas xeracións, o que
responde á principal e máis urxente necesidade sociolingüística no proceso de normalización.
Tamara Rial Montes
Parabéns pola entrada! O alumnado sempre fai reflexións que debemos escoitar. A reflexión metapragmática leva a un uso máis crítico das linguas.
ResponderEliminar