23/01/17

Sobre metodoloxías de ensino de linguas estranxeiras

Se por algo estou a cursar este máster, é coa aspiración de adquirir a mellor metodoloxía para aplicala no ensino de linguas. Recordo que, ao traballar en grupo no tema da intercomprensión, esta lembroume á miña especialidade: a tradución. Disque esta non é válida por implicar máis dunha lingua, feito que desvirtúa o proceso de aprendizaxe; porén, a didáctica da intercomprensión si parece ser unha metodoloxía plausible.

Na actualidade, o método de aprendizaxe de linguas é maiormente monolingüe: numerosas escolas din seguir un método propio que se basea nunha inmersión total na lingua estranxeira, á vez que se abandona temporalmente o idioma materno. Mesmo os centros designados como plurilingües seguen esta máxima, mais durante a realización do Prácticum deste máster puiden constatar que esta teoría non se cumpre. O emprego harmonioso da lingua materna e a estranxeira parece, logo, ineludible.

A este respecto, Schaffner (1998) afirma que a tradución e os exercicios relacionados poden favorecer a aprendizaxe de linguas por mellorar a axilidade verbal do alumnado, ampliar o seu vocabulario, mellorar o seu estilo lingüístico, perfeccionar a comprensión lingüística e asimilar o emprego das estruturas gramaticais. A tradución en clase de linguas estranxeiras debería verse, entón, como unha ferramenta pedagóxica efectiva, pois evidencia as diferenzas estruturais e de vocabulario entre as linguas, que os estudandos deben coñecer e saber como resolver á hora de transmitilos a outra lingua. Xa que logo, o verdadeiro interese da tradución na ensinanza de linguas radica na comparación da gramática, o vocabulario, a orde das palabras e outros aspectos lingüísticos que cómpre ter en conta á hora de acometer esta tarefa. Coa tradución, o alumnado pode igualmente analizar as linguas materna e estranxeira co gallo de comparalas e comentar os erros cometidos no transvase lingüístico.
A actividade tradutiva permite, do mesmo xeito que calquera método didáctico, o tratamento de temas diversos e o emprego de recursos motivadores, así como o adestramento das destrezas lingüísticas máis relevantes. Antes de poñerse a traducir, é preciso ler o texto orixinal con cautela e analizalo en detalle, o que permite mellorar a comprensión lectora e ampliar o vocabulario. Non deixa de ser unha transferencia dun texto nun idioma a outro, polo que contribúe a desenvolver a capacidade de redacción. Así mesmo, ao aplicarse nunha aula o proceso tradutivo constitúe unha actividade comunicativa entre o profesorado e o seu alumnado, polo que o estudantado vese obrigado a establecer unha conversa sobre o tema da tradución, tanto co profesor coma co resto do alumnado, desenvolvendo así tanto as destrezas de conversa como as auditivas.
As linguas están para ser usadas, este é o seu propósito, e a tradución cumpre con esta máxima, dotando así ao alumnado dun obxectivo tanxible que deben lograr. Ademais, a tradución contribúe á súa creatividade, pois deben pensar nas posibles equivalencias para o texto en lingua estranxeira.
Por outra banda, favorece o traballo autónomo e independente do profesorado, polo que os estudantes gañarían responsabilidade polo que dixesen ou escribisen, e, sobre todo, pode incluírse e adaptarse ao proxecto de traballo do curso.
A organización das actividades de aula non implicaría unha excesiva preparación: tan só sería necesario seleccionar un texto interesante desde o punto de vista lingüístico, como un artigo periodístico ou de calquera outro eido temático. Con todo, debería cumprir coas necesidades do alumnado e favorecer a discusión e o debate, dotando así ao exercicio doutra finalidade práctica. Sempre é preciso que as traducións se lean varias veces para analizar cada decisión tomada no transvase lingüístico, fomentando así a asimilación das ensinanzas e a dobre corrección ortográfica e gramatical.
A miña experiencia como antigo alumno de Tradución e Interpretación asegúrame que nunca falta interese por defender as propostas de cada un para traducir os textos. Desta forma, o alumnado veríase obrigado a falar facendo uso do aprendido. Moitas veces, os aprendices evitan ter que usar determinadas palabras ou estruturas porque as descoñecen ou non as dominan; coa tradución, veríanse na obriga de utilizalas e, polo tanto, aprendelas.
A actividade translativa permite, ademais, dúas direccionalidades: cara a lingua materna ou cara a estranxeira, o que incrementa de seguro a motivación do alumnado e as posibilidades didácticas.
Para rematar a miña proposta metodolóxica, inspirada na intercomprensión, conclúo coas palabras de Mahmoud (2006), que defende a utilidade da tradución na ensinanza de linguas:

Translation may be useful because it can be interactive, learner-centered, it promotes the learner’s autonomy, and uses authentic materials.



Mahmoud, A. (2006). Translation and Foreign Language Reading Comprehension: A Neglected Didactic Procedure. English Teaching Forum, 44 (4), 28-33.

Schaffner, C. (1998). From “Good” to “Functionally appropriate”. En: Schaffner, C. (ed), Translation and Quality. Clevedon, UK, Multilingual Matters, 1998.

Ningún comentario:

Publicar un comentario