22/01/17

A LITERACIDADE CRÍTICA:
OUTRA MANEIRA DE TRABALLAR NAS AULAS



Una de las tareas más hermosas y gratificantes que tenemos por
 delante como profesores y profesoras es ayudar a los educandos
 a constituir la inteligibilidad de las cosas , ayudarlos a aprender
                                                                             a comprender y a comunicar esa comprensión a los otros.


(Paulo Freire, El grito manso, p. 33)



A competencia lectora e escritora foi e segue a ser un dos grandes problemas cos que o profesorado se enfronta día a día nos centros educativos. Estas dúas capacidades básicas implican por parte do alumnado un proceso de descodificación e comprensión dos textos e de codificación ou formación dos mesmos, que a miúdo non se acada coa desenvoltura necesaria programada para cada curso académico. É aquí onde entra en xogo o enfoque da literacidade crítica, unha proposta para traballar nas aulas, que ten como finalidade non só conseguir adquirir ambas as dúas competencias, senón achegar ferramentas analíticas que poidan ser aplicadas na realidade social.

Mais, que entendemos por literacidade, que entendemos por crítica e, en definitiva, que entendemos por literacidade crítica?

O primeiro dos termos emprégase simultaneamente coa palabra alfabetismo, do noso punto de vista este último, alén de reproducir un significado negativo, non encaixa dentro dunha aproximación máis sociocultural. Cassany entende por literacidade “todos los conocimientos, habilidades, y actitudes y valores derivados del uso generalizado, histórico, individual y social del código escrito” (2016: 89), onde se teñen en conta elementos como o código escrito, os xéneros discursivos, os roles autor/lector, a organización social, os valores e representacións e as formas de pensamento.

Por outra banda, o termo crítica preséntase co significado de “estudiar como se lee y escribe la ideología o, dicho de otro modo, el punto de vista, el sesgo, la mirada o la subjetividad inevitable que esconde cualquier texto” (Cassany 2016:90), debido a que os discursos non son neutros, posto que imprimen un determinado punto de vista, tendo en consideración o contexto en que se insiren. Deste modo, para establecer unha ollada crítica é preciso ser capaz de situar o texto no contexto sociocultural de partida, recoñecer e participar na practica discursiva e calcular os efectos que causa un discurso na comunidade.

Polo tanto, tomando as palabras de Cassany e Castellà, podemos dicir que a literacidade crítica “sugiere que leer y escribir no solo son procesos cognitivos o actos de (des)codificación, sino también tareas sociales, prácticas culturales enraizadas históricamente en una comunidad de hablantes” (2010: 354). É así que o entramado dos constructos ideolóxicos dos discursos vai ser o campo de traballo principal para o desenvolvemento deste enfoque pedagóxico.




A fontes principais das que se nutre esta perspectiva metodolóxica explícanse, a continuación, no cadro proposto por Cassany e Castellà (2010: 358):




A literacidade crítica inclúese dentro da perspectiva crítica, que é defendida por pedagoxías como o enfoque comunicativo, que concibe a educación como un proceso dialóxico en condicións de democracia e igualdade, que pode superar o espazo aula favorecendo accións de transformación social. Fronte a outras perspectivas como a chamada tradicional ou filolóxica e a interpretativa ou psicolóxica, a perspectiva crítica baséase na formación social do sentido do texto, a través do cal “el significado se construye en contextos sociales, políticos y culturales, que provocan en los receptores unas interpretaciones determinadas históricamente y localmente” (Cassany e Castellà 2010: 363).




Desta maneira, os docentes teñen que aceptar que non hai unha única interpretación válida nos discursos, tanto literarios como xornalísticos, ou de calquera outro tipo. Ademais, torna fundamental que o profesorado conduza ao alumnado a tomar conciencia do significado dos discursos, servindo de guía para que estes sitúen o texto no contexto sociocultural de partida, recoñezan e participen na práctica discursiva e sexan capaces de interpretar os posíbeis efectos que pode causar o uso de unhas palabras ou outras tanto na comunidade como na propia persoa. 

Mediante o emprego nas aulas deste método de traballo, non só potenciaremos a lectura, a comprensión e a escritura, senón tamén o intercambio de ideas a través do diálogo ou o debate. E, estaremos poñendo a disposición das e dos adolescentes os mecanismos necesarios para interpretar todos aqueles significados implícitos (que nomeadamente proveñen das esferas do poder) que se incorporan ou están presentes realidade do alumnado; coa finalidade última de que poidan mudar e transformar a sociedade na que vivimos.







Cassany, Daniel (2016): "Literacidad crítica: leer y escribir la ideología". Universitat Pompeu Fabra.
Cassany, Daniel e Josep M. Castellà  (2010): "Aproximación a la literacidad crítica". Perspectiva, Florianópolis, v. 28, n. 2, 353-374.



1 comentario:

  1. Eva González!
    Foro de reflexión. Ler o mundo de hoxe (USC)
    http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/sepa_interea/

    ResponderEliminar