Hoxe en día, especialmente no ámbito educativo, é habitual que se faga referencia ao fenómeno do plurilingüismo. Xeralmente, enténdese por plurilingüismo aquela situación que implique a convivencia e presenza simultánea de varias linguas nun determinado ámbito. Esta convivencia debe estar caracterizada por un estado de equidade no tocante ao tratamento das linguas propias (galego e castelán) como das linguas estranxeiras (inglés, francés, alemán ou calquera outra).
Tomando como referente a experiencia propia nos centros educativos tras a realización do período de prácticas e baseándonos nos documentos marco aos cal tivemos acceso neles (sobre todo o Proxecto Lingüístico de Centro), é palpable o tratamento desigual que reciben as linguas.
Así, mentres o inglés ou o francés, entre outras linguas estranxeiras, reciben un tratamento de carácter xeral ou global, tratándoos de incluír nas distintas actividades e tarefas proxectadas (proxección de filmes, xornadas culturais , intercambios escolares, intervencións en programas europeos ou lecturas), o castelán goza de certa vantaxe, propoñendo directamente unha serie de actividades de mellora ou perfeccionamento. Porén, as actividades programadas para ser desenvolvidas en lingua galega reciben a categoría de normalización.
A grandes trazos, todo proxecto lingüístico pretende perseguir determinados obxectivos tales como: promover o gusto polo coñecemento das linguas, acadar un nivel de expresión óptimo nas diferentes linguas que se oferten nos centros, animar ao alumnado a apreciar e a valorar as linguas por igual ou impulsar o uso indistinto delas. Esta é a teoría, pero a tarefa de levalo á práctica preséntase mais ben afanosa.
O que realmente se está implantando, de forma indirecta, é un tratamento monolingüe para cada unha delas, que se reflicte na diversidade de propostas ou actividades, no grao de cumprimento ou a través da extensión das seccións dedicadas a cada lingua en dito proxecto. Mentres que as seccións dedicadas ao castelán ou ao inglés gozan dunha dimensión curta con respecto á sección de galego, pois estas posúen un enfoque determinado, no cal as medidas de actuación son claras e concisas, ben estruturadas e fáciles á hora de levalas a práctica; o galego, porén, considérase inferior, sempre “condenado” a representar un papel secundario, condicionado polo castelán.
Por conseguinte, tanto desde unha óptica estudantil, como desde unha perspectiva na cal xogamos o papel de profesores en formación, deberíamos formularnos unha serie de cuestións no tocante ao concepto de plurilingüismo, comezando pola máis sinxela de todas: onde o podemos atopar?
Tendo en conta toda esta información, cabe dicir que a situación que se denuncia na actualidade nas escolas de linguas e nos centros de ensino secundario no tocante á distribución de linguas, non é moi diferente da que se representa nas viñetas de Luis Davila.
Na primeira viñeta, observamos unha situación que se produce na nosa sociedade con frecuencia. Mentres que a adquisición de competencias en idiomas coma o inglés, francés, alemán e ata xaponés na actualidade é considerada un requisito case fundamental na educación por mor da súa utilidade a nivel comunicativo e porque “abre as portas” para desenvolvernos no mundo globalizado de hoxe, outras linguas estranxeiras son consideradas secundarias porque precisamente carecen desa suposta utilidade práctica.
Máis aínda, é todo un paradoxo que, en certas comunidades bilingües, exista unha percepción distinta para cada unha desas linguas. Baixo o lema de que hai idiomas máis útiles e necesarios ca outros, o galego ten sido considerado durante séculos unha lingua secundaria en relación co castelán, posto que, en teoría, o primeiro só serve para comunicarse de forma efectiva dentro do territorio de Galicia. Entre outras moitas razóns, este pensamento é o que ten levado ó galego a converterse nunha lingua minorizada.
Deste xeito, esta primeira viñeta amosa esa realidade á que se enfronta a lingua galega, e da que, curiosamente, moitos dos galegos non son plenamente conscientes. Chama a atención que o home representado, que ademais está a empregar o galego, admire aos pais da rapaza por falarlle cada un na súa lingua materna (castelán e o francés) e non sexa capaz de apreciar que os seus fillos/as poderían ser bilingües tamén se se comunicase con eles nos dous idiomas oficiais. A evidencia que se mostra é que as linguas de prestixio –que son na meirande parte as estranxeiras– non teñen o mesmo recoñecemento nin a mesma consideración social que as linguas autóctonas minoritarias. Polo tanto, queda implícita unha crítica por esa diferenciación que se fai, quedando demostrado que en Galicia non se produce un auténtico plurilingüismo.
En consecuencia, esta diferenciación é inculcada desde idades moi temperás, nas que os rapaces adxudican unha importancia determinada aos distintos idiomas que aprenden nas aulas. Aínda máis, a percepción que acadan é que para ser verdadeiramente “bilingüe” é necesario falar unha lingua estranxeira, e que polo tanto o feito de ser plenamente competente en galego e castelán non implica bilingüismo.
En vista desta problemática, as iniciativas levadas a cabo polo Equipo de Normalización Lingüística buscan, entre outras, crear ese sentimento de orgullo que leve ao alumnado non só a identificarse coa lingua galega como propia, senón tamén a facer entender a súa importancia e utilidade como forma de comunicación. As medidas tomadas polos centros neste sentido amosan que, como xa se mencionou previamente, non estamos ante unha verdadeira relación de equidade lingüística, polo que é de urxencia resolver estes problemas comezando na educación primaria e secundaria. Son moitos os estudos e estatísticas que confirman a constante perda xeracional do galego, a cal é máis pronunciada entre a xuventude. Polo tanto, unha distribución a partes iguais entre as materias impartidas en lingua galega e lingua castelá resulta inxusta, posto que non se atopan as dúas nas mesmas circunstancias e non gozan por igual do mesmo prestixio. Mentres que o castelán é utilizado preferiblemente en contextos de interacción social (amizade, relacións persoais, redes sociais), o galego é relegado ao ámbito familiar, pois moitos dos falantes que o teñen como primeira lingua mudan ao castelán para comunicarse na contorna dos centros de secundaria.
Para corrixir esta situación, é indispensable por un lado o traballo da comunidade educativa no incentivo do galego como lingua de expresión nas aulas e tamén en tódalas actividades escolares e extraescolares, pero é especialmente necesaria a colaboración das familias para reforzar o uso da lingua galega e fomentar o espírito de pertenza que os faga conscientes de que non existen linguas máis importantes que outras e que absolutamente todas son esenciais como patrimonio humano.
Na segunda viñeta, pódese observar outro prexuízo contra o galego. “No hablo gallego porque lo hablo fatal” é unha das escusas máis estendidas entre os que non están cómodos ó empregar a nosa lingua. Porén, moitos deles mostran unha boa disposición á hora de practicar os idiomas estranxeiros doutros países, e asumen que a súa vergoña por falar en galego é debida á unha certa inseguridade ou falta de dominio.
Isto implica un dobre problema, que mostra ademais unha clara contradición. Por unha banda, queda implícita novamente a idea de que certas linguas acadan maior prestixio ca outras –neste caso, o inglés. Por outra, é unha evidencia que un idioma se aprende a base de práctica e erros, polo que esconderse baixo o pretexto da falta de autoconfianza para comunicarse noutro idioma alóxanos máis da súa correcta aprendizaxe. Un fenómeno social que agrava esta situación prodúcese cando certos falantes que teñen o galego coma L1 rexeitan ós neofalantes por causa do acento ou do vocabulario empregado (castelanismos, erros gramaticais, etc.). Este debería ser outro ámbito de actuación na normalización lingüística, pois é necesario ofrecer maior apoio ás persoas que intentan aprender ou mellorar o seu dominio da lingua galega.
Nalgúns casos, moitas destas persoas neofalantes foron educadas en castelán e tiveron pouco contacto coa lingua galega ata chegar á escola. Grazas á normalización lingüística pola que o galego é unha lingua vehicular no ensino, o seu dominio e utilización entre a poboación mellora. Sen embargo, isto non é suficiente, pois a falta de uso noutros ámbitos da lugar a que os nenos e as nenas non se atopen cómodos ó expresarse en galego fóra do ámbito escolar.
Como xa se comentou anteriormente, as diversas asociacións e organismos que velan pola protección da lingua están a instaurar medidas para solucionar todas estas problemáticas. Neste aspecto non só se inclúen os centros de educación primaria e secundaria, senón que tamén as Escolas Oficiais de Idiomas teñen unha labor imprescindible na promoción do galego. Esta promoción non só se centra no alumnado, senón tamén nos seus traballadores. A través dun programa de actividades procuran dinamizar o uso do galego, tanto no ámbito formal como informal (tándems, obradoiros, concursos, conferencias).
En conclusión, as viñetas de Luis Davila amosan mediante a ironía e o humor a realidade lingüística á que se enfronta o galego en distintos dominios da vida cotiá. Como xa se indicou, debemos actuar para crear o aprecio por tódalas linguas por igual e inculcar un sentido de pertenza e identificación coa lingua galega en particular, incentivando o seu uso e aprendizaxe a través dunha actitude positiva que mude as percepcións diferenciadas e de prexuízo que se ten á hora de expresarnos cos demais.
Por: Sofía Calvo Soares, Beatriz Couto Fontenla e Laura Tarrío Becerra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario