Tal e como mostra o vídeo, a variedade é unha característica fundamental das linguas. Neste sentido, podemos pensar, por exemplo, que unha persoa de Verín non fala galego igual que outra de Malpica, ou que unha persoa que viva no distrito XVI de París (onde a maior parte da poboación ten grandes posibilidades económicas) moi probablemente fale francés de xeito distinto que outra que viva no distrito XVIII (xa que neste a meirande parte dos/as habitantes son procedentes de países tecnoloxicamente subdesenvolvidos e/ou de clase traballadora). Probablemente a maior parte da variación lingüística se produza no plano do léxico (tal e como viamos vídeo): pensemos que, por poñer un exemplo, só no territorio de Galicia a cabeza do porco pode recibir diferentes nomes, como cachucha, cachaza, cachola, cacheira, etc.
A Sociolingüística é unha disciplina que estuda a estrutura e o uso das linguas en diferentes contextos sociais e culturais (Holmes, 1992: 7). Desde esta rama da Lingüística, trátase de explicar como varían as linguas dependendo de factores como a rexión xeográfica, a idade, o xénero, a clase social ou a pertenza a un grupo que comparte costumes ou que ten unha cultura determinada. Será precisamente neste último factor de variación onde centremos a nosa atención máis adiante.
Se lle preguntasen ao alumnado da ESO ou Bacharelato cantas variedades do inglés coñecen, seguramente poderiamos comprobar que o único do que oíron falar nalgunha ocasión é das diferenzas que existen entre o inglés que se fala no Reino Unido, os Estados Unidos e, con sorte, do Australiano. De feito, en numerosos materiais para aprender inglés destinados a este tipo de alumnado se insiste na existencia de variacións (sobre todo léxicas e fonéticas) entre o inglés británico e o que se fala nos EEUU.
Porén, como se pode ver na base de datos eWAVE existen numerosas variedades do inglés que responden principalmente a distintos grupos xeográficos e étnicos. Cómpre aquí mencionar que, segundo Schermerhorn (1974: 2) a etnicidade (cfr. o concepto de raza, que se basea unicamente en diferenzas biolóxicas entre os grupos humanos) fai referencia a un conxunto de características ou rasgos compartidos por un grupo, como poden ser o sistema de valores, as crenzas, os códigos de comportamento, as experiencias, etc. A pertenza a un grupo étnico é determinante na forma na que os seus membros empregan a lingua, posto que esta actúa como un símbolo da súa identidade e os diferenza doutros individuos (Fought, 2011).
Pasemos agora a resumir o segundo vídeo que propoñemos. O que podemos ver é como nunha escola en California un grupo de nenos/as pertencentes á comunidade afroamericana (unha das minorías étnicas máis numerosas dos Estados Unidos) aprenden cales son as diferenzas entre a variedade étnica que falan e o inglés americano estándar. Quizais o máis significativo do vídeo é a énfase que se fai en facerlle ver ao grupo que a súa variedade lingüística non é nin mellor nin peor que a estándar (o General American English neste caso), senón simplemente diferente.
Cando a partir de 1954 nos EEUU se declarou ilegal a segregación racial na educación, e tanto a comunidade branca como a afroamericana comezaron a ser educadas de forma conxunta, os problemas académicos que moitos membros desta última tiveron (xa que estaban a ser escolarizados nun sistema no que se empregaba unha variedade lingüística distinta da que coñecían), foron (e seguen sendo) empregados para afirmar que os/as nenos/as afroamericanos/as eran intelectualmente inferiores (Baugh, 2001: 319-320).
Posiblemente o motivo polo que esta iniciativa teña lugar é a consideración que o inglés afroamericano ten para o conxunto da sociedade americana. Autores como Pullum (1999: 39-40) indican que este etnolecto foi considerado historicamente como unha desviación imperfecta do inglés, algo que quizais se deba ao seu parecido coa variedade estándar. Ademais, esta consideración seguramente estea relacionada coa asociación dos/as falantes desta variedade coa pobreza e o analfabetismo. Neste sentido, segundo Trousdale (2010: 8), se temos en consideración este tipo de actitudes cara a lingua non nos aproximaremos unicamente a aspectos meramente lingüísticos, senón que en realidade estamos explorando cuestións de carácter ideolóxico. Isto é precisamente o que explica que, por exemplo, coa popularidade que está a ter no presente a serie Narcos, (que trata sobre a historia do narcotráfico desde a vida de Pablo Escóbar e o Cartel de Medellín, e a cal está ambientada en Sudamérica, principalmente en Colombia) saíra á luz un curso para aprender a variedade de español que empregan os seus personaxes.
Desde o noso punto de vista, como futuras profesionais da docencia do ámbito das linguas, debemos ensinarlle ao noso alumnado que estas non son monolíticas. Hai que insistir, asemade, no feito de que a idea de que unhas variedades son superiores e outras inferiores é puramente subxectiva e que, en moitos casos (tal e como comentabamos no caso do inglés afroamericano) a consideración das linguas e dialectos está estreitamente relacionada con factores económicos, ideolóxicos, etc., como ilustran, por exemplo, algunhas enquisas realizadas no Reino Unido.
Pensamos, tamén, que o coñecemento por parte do alumnado destas diferenzas non afectarían exclusivamente á súa percepción das linguas, senón que poderían axudar a fomentar o respecto polo diferente en moitos máis ámbitos: isto é, pensamos que darlle ao alumnado a posibilidade de reflexionar sobre a diversidade como algo intrínseco ás linguas e á condición humana pode ser moi beneficioso para o seu desenvolvemento persoal.
REFERENCIAS:
Baugh, J. (2001). Applying linguistic knowledge of African American English to help students learn and teachers teach. En Sonja Lanehart (ed.), Sociocultural and sociohistorical contexts of African American English, 319-330. Amsterdam e Filadelfia: John Benjamins.
Fought, C. (2011). Language and ethnicity. En Rajend Mesthrie (ed.), The Cambridge handbook of Sociolinguistics. Cambridge: Cambridge University Press.
Holmes, J. (1992). An introduction to Sociolinguistics. Nova York: Longman.
Pullum, G. (1999). African American English is not standard English with mistakes. En Rebecca S. Wheeler (ed.), The workings of language, 57-84. Nova York: Oxford University Press.
Shchermerhorn, R. (1974). Ethnicity in the perspective of the Sociology of knowledge. Ethnicity (1) 1 (Abril), 1-14.
Trousdale, G. (2010). An introduction to English Sociolinguistics. Edimburgo: Edinburgh University Press.
Laura Arribas González
Alba Aminata Faye Pérez
Suzy Charmaine Henriques Fraga
Ningún comentario:
Publicar un comentario