Co
desenvolvemento da ensinanza comunicativa da lingua
medrou a atención ás destrezas orais (ou actividades
comunicativas da lingua). Unha das ferramentas clave para
desenvolvelas é a competencia estratéxica, competencia que
funciona como unha ferramenta para o alumnado, especialmente naquel
cunha competencia limitada, de xeito que lle permite comunicarse
cunha maior desenvoltura malia as limitacións.
O
Marco Común Europeo de referencia: aprendizaxe, ensino, avaliación
(en diante, MCER ou Marco), malia non ser prescriptivo canto ao
enfoque que debe usarse na aula, atopa na ensinanza mediante
tarefas, da que xa se falou neste blogue, unha aplicación
bastante coherente das súas ideas (en diante, EMT), xa que esta
sintetiza os avances derivados da investigación pragmática (uso de
materiais reais, importancia da ensinanza de estratexias,
protagonismo do alumnado etc.), alén de ser un enfoque orientado
a acción que favorece o desenvolvemento de competencias (Estaire,
2009: 126). Neste enfoque, baixo o meu punto de vista, debería
favorecerse o desenvolvemento da
competencia
estratéxica e das
destrezas orais, pasemos agora a matizar a
que nos referimos con estes termos.
Que
é a competencia estratéxica?
A competencia comunicativa é definida por Canale como a capacidade dunha persoa para comportarse de xeito adecuado e eficaz nunha determinada comunidade de fala (1983). Esta divídese en catro subcompetencias: discursiva, lingüística, sociolingüística e, a que estamos a tratar, estratéxica. Acadar a competencia comunicativa é o obxectivo da ensinanza de linguas.
A
competencia estratéxica faría
referencia á capacidade das e dos falantes de valerse de
mecanismos para acadar unha comunicación con éxito. Isto
deriva nunha vontade de incrementar a eficacia da comunicación e de
reparar e compensar as posíbeis deficiencias comunicativas. O
enfoque para a ensinanza desta competencia pode ser directo ou
indirecto.
No
MCER a competencia estratéxica non aparece definida como tal, pero
si hai mencións ás estratexias ao longo do texto. Exemplos de
estratexias que o alumnado pode empregar son: recorrencia
á
lingua materna ou outra L2 (non sabemos dicir cane
así
que dicimos can);
simplificación (uso de cláusulas simples no canto das de relativo);
e a evasión (o descoñecemento dunha palabra redunda na non emisión
do enunciado). Tamén ignorar as palabras non relevantes,
deducir significados polo contexto, facer paráfrases, usar recursos
non verbais ou crear novas palabras son algunhas das estratexias
que o alumnado pode empregar. Trátase de optimizar dos recursos
cos que contamos tal e como faríamos na nosa L1.
Destrezas
orais e adecuación
Baixo
o meu punto de vista, unha das maiores carencias no ensino de linguas
estranxeiras é o feito de que non aprendemos a adaptar o noso código á canle. Non se pode falar coma un libro, nin
escribir como falamos. Ter en conta as diferenzas dos códigos
orais e escritos revirte na na adecuación das nosas
producións lingüísticas. Todas as persoas temos a experiencia de ir a
unha conferencia na que a xente que expón se limita a ler os
seus escritos provocando a desconexión do público. Como se sinala
no MCER, “[e]n principio, calquera texto pode ser transmitido por
calquera canle de comunicación. Non obstante, na práctica, canle e
texto están moito máis relacionados” (apartado 4.6.1.) e
isto hai que telo en conta na ensinanza de L2, xa que igual que a adecuación non sempre se produce na L1, isto prodúcese aínda con maior frecuencia na L2.
O
Marco distingue catro actividades comunicativas da lingua:
comprensión, expresión, interacción e mediación. Na súa vertente
oral teñen características propias derivadas das diferenzas
entre a comunicación oral e a escrita. Así o código oral
caracterízase por ter unha maior espontaneidade, repeticións,
deícticos etc (Tusón (1997: 17-30). Briz suma tamén a importancia
de elementos paralingüísticos e a prosodia, menor presencia da
subordinación e maior de marcadores, máis repeticións e
reelaboracións etc (2004: 219-223). Todas estas diferenzas teñen
gran importancia pragmática, de xeito que se unha persoa quere
aprender unha lingua, ten que saber adaptarse ao contexto, neste caso
ao contexto da oralidade. Existen estratexias ligadas
á oralidade como poden ser o uso de elementos paralingüísticos ou
a petición de axuda á persoa coa que interaccionamos (Pinilla,
2004: 441-442).
Alén
disto, cabe facer referencia á variación das regras entre linguas.
Todas as linguas teñen regras, pero as regras non son as mesmas en
todas as linguas. É dicir, non é o mesmo falar que escribir, mais
tampouco é o mesmo falar en galego que en alemán, xa que nunha
mesma situación, o rexistro empregado e outros aspectos poden ser
diferentes. Así, se nunha panadería da Galicia atopámonos cun
panadeiro de dezaseis anos, probablemente dirixámonos a el tratándoo
de ti, pero en alemán, ese trato debería ser de Sie, vostede,
sendo inadecuado o uso de du, ti.
É
por iso que se fai necesario o ensino explícito de estratexias,
para que o alumnado saiba analizar o discurso e así aprenda a adaptalo ao contexto.
Este ensino logrará que o alumnado aprenda a aprender, de xeito que
en situacións futuras, cando se atope con elementos novos, poida
incluílos na súa competencia.
Cara
a unha aprendizaxe efectiva
Persoalmente
considero que unha ensinanza directa da competencia estratéxica
tería como consecuencia un mellor uso da lingua meta, especialmente
nos primeiros niveis de aprendizaxe. As estratexias son unha útil
ferramenta que posibilitan a aprendizaxe ao longo da vida que
tanto promove o MCER.
Actualmente,
nos manuais de L2 adoita predominar a ensinanza implícita
(indirecta) de estratexias. A integración de ensinanza directa e
indirecta de estratexias de acordo con García García é o mellor
para o alumnado, xa que se combina observación e práctica.
Persoalmente, penso que se debe facer da observación unha práctica
en si mesma, aproveitando, por exemplo, as tarefas de comprensión
auditiva, para facer delas non só tarefas de comprensión de
contidos, senón tamén de aprehensión de mecanismos de interacción (por exemplo, o uso de marcadores discursivos, tan necesarios na oralidade).
Unha
ensinanza das estratexias revirte nunha mellor práctica comunicativa
do alumnado e é especialmente necesaria coas destrezas orais, xa
que moitas veces se pensa que a oralidade é equivalente á escrita e prodúcense inadecuacións. Facernos
conscientes das diferenzas e saber reflexionar sobre o noso discurso
mellorará a nosa aprendizaxe de L2. Así, o alumnado ten que
ser quen de acadar unha comunicación estratéxica, na que as
dificultades que se presenten poidan ser solucionadas. Baixo o meu punto de vista, a ensinanza efectiva de
linguas debería ter en conta os avances da pedagoxía (importancia
da competencia estratéxica, eficacia da EMT) ao tempo que non esquece a lingüística
(diferenzas nos rexistros orais e escritos).
Raquel Rivas Cabanelas
Bibliografía
Briz Gómez, A. (2004): “Aportaciones del análisis del discurso oral”, en J. Sánchez Lobato e I. Santos Gargallo (dirs.), 2004, 219-242.
Canale, M. (1983): “From communicative competente to communicative language pedagogy”, en J. C. Richards y R. W Schimdt (comps.) (1993), Language and Communication, London, Longman.
Council of Europe (2001): Common European Framework Of Reference For Languages: Learning, Teaching, Assessment, Strasbourg, Language Policy Unit, Council of Europe. Citamos pola versión en galego.
Estaire, S. (2009): El aprendizaje de lenguas mediante tareas: de la programación al aula, Madrid, Edinumen.
Raquel Rivas Cabanelas
Bibliografía
Briz Gómez, A. (2004): “Aportaciones del análisis del discurso oral”, en J. Sánchez Lobato e I. Santos Gargallo (dirs.), 2004, 219-242.
Canale, M. (1983): “From communicative competente to communicative language pedagogy”, en J. C. Richards y R. W Schimdt (comps.) (1993), Language and Communication, London, Longman.
Council of Europe (2001): Common European Framework Of Reference For Languages: Learning, Teaching, Assessment, Strasbourg, Language Policy Unit, Council of Europe. Citamos pola versión en galego.
Estaire, S. (2009): El aprendizaje de lenguas mediante tareas: de la programación al aula, Madrid, Edinumen.
García García, M. (2005): “La competencia conversacional en los estudios de español como lengua extranjera”, Linred [en línea], 2. <http://www.linred.es/articulos_pdf/LR_articulo_29122004.pdf>, [Última consulta: 31/05/2015]
Pinilla Gómez, R. (2004): “Las estrategias de comunicación”, en J. Sánchez Lobato e I. Santos Gargallo (dirs.), 2004, 435-447.
Sánchez Lobato, J. e I. Gargallo (dirs.) (2004): Vademécum para la formación de profesores. Enseñar español como segunda lengua (L2)/lengua extranjera (LE), Madrid, SGEL.
Tusón Valls, A. (1997): Análisis de la conversación, Barcelona, Ariel.
Pinilla Gómez, R. (2004): “Las estrategias de comunicación”, en J. Sánchez Lobato e I. Santos Gargallo (dirs.), 2004, 435-447.
Sánchez Lobato, J. e I. Gargallo (dirs.) (2004): Vademécum para la formación de profesores. Enseñar español como segunda lengua (L2)/lengua extranjera (LE), Madrid, SGEL.
Tusón Valls, A. (1997): Análisis de la conversación, Barcelona, Ariel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario